1

A xente nova encabeza unha rebelión cidadá internacional contra a inoperancia dos gobernos ante o cambio climático: os FRIDAY FORMA FUTURE. O movemento ten a súa orixe en Suecia, da man dunha rapaza de 16 anos, Greta Thunberg, e xa acadou dimensións mundiais. En España está dando os primeiros pasos, consciente da importancia do momento que se está a vivir: catro eleccións en menos dun mes.

2

A Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, convócanos o día 6 de abril á fase final da V edición do Concurso de RECITADO POÉTICO Rosalía sempre viva. O certame, destinado a todo o alumnado galego de ensino non universitario, ten como obxectivo a potenciación da expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e recitado da obra de Rosalía e Manuel María.

3

A Coordinadora Galega de ONGD vén de presentar un documento con propostas para as eleccións municipais que se celebrarán en maio. O texto, que será presentado aos diferentes partidos ao longo dos dous próximos meses, diríxese fundamentalmente ás sete grandes cidades e ás deputacións galegas, ás que lles realizan nove propostas concretas e das que solicitan “unha política pública, exercida desde o local, coa que defender os dereitos humanos e promover un mundo máis xusto, igualitario e sostible”. O documento pode consultarse en: galiciasolidaria.org.

4

Aumenta o descontento coa CRTVG. Ao persoal da compañía, que se viste de negro cada venres, e xa van máis de 45, para denunciar a manipulación informativa do medio, súmase agora a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que impediu a retransmisión dos premios María Casares, como denuncia á desatención do medio cara ao teatro. En palabras de Mabel Rivera, vicepresidenta da asociación, “a desconsideración da TVG cara ao teatro é absoluta; ou é incultura ou é censura descarada”.

5

O sábado 6 de abril, no Centro Equal de Coles (Ourense) celébrase o 4º Encontro de Economía Alternativa e Solidaria, organizado por REAS Galicia. Desde as once da mañá e ata as seis da tarde haberá tempo para mesas, obradoiros, momentos lúdicos e para coñecer, mediante micropresentacións, as actividades que desenvolven as diferentes organizacións presentes no encontro.

6

A CIG iniciou unha serie de accións de protesta para denunciar a desigualdade en ABANCA, onde, segundo datos do sindicato, unicamente o 29% dos postos de dirección están ocupados por mulleres, fronte ao 71% por homes. As cifras empeoran a medida que se ascende na escala xerárquica, chegando ao 93% de homes no caso das xefaturas de zona. A central sindical quéixase tamén do establecemento de obxectivos abusivos e dunha carga de traballo desproporcionada á xornada laboral, que os obriga a facer horas extras que non son retribuídas.

7

A chairega, e sempre activa, MUIMENTA inaugurou o 23 de marzo o Museo das zocas. Un vello proxecto da asociación Xotramu, a mesma que cada ano a comezos de xuño organiza encontro de xogos tradicionais, que se pode visitar na igrexa vella. Pola súa parte, nas Pontes, o 30 de marzo, abriu tamén as súas portas o Museo Etnográfico Monte Caxado. Dous proxectos diferentes, pero cun obxecto común: a posta en valor do noso patrimonio material.

8

O 7 de abril celebrarase o Día da memoria en honra dos tres MANUELES: Manuel Ponte Pedreira, Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez “O Asturiano”, que morreron pola liberdade e a dignidade. Será en Abellá (Frades), ás doce da mañá. O acto arrancará no cemiterio, onde haberá intervencións e se cantará o himno galego, e trasladarase despois a Fontao, ao lugar no que se produciron as mortes, onde, quen queira participar poderá dicir unhas verbas ou ler un poema na memoria de tantas e tantos. Despois dos actos, haberá un xantar no merendoiro da Berxa.