1
En Arela, unha axencia de comunicación sostible, elaboraron un listado con máis de 100 tendas galegas en liña, “Cos pés na terra e os produtos na nube”. Ofrecen produtos e servizos de alimentación, agasallos, artesanía, xogos, construción e reparación, libros, decoración, mascotas, roupa, música, viaxes… Esta iniciativa tenta defender o COMERCIO LOCAL e proporcionar unha alternativa aos xigantes online. A lista está dispoñible en www.arela.gal/tendas-galegas
2
Que é o ECOFEMINISMO? Que teñen que ver o feminismo e a ecoloxía? A pensadora Yayo Herrero, ecofeminista, di que a depredación da natureza e a subordinación das mulleres teñen algo en común, unhas raíces compartidas que explican por que vivimos nun mundo que lle ten declarada a guerra á vida. O ecofeminismo é unha forma de ver a vida que permite vencellar diversas opresións e procurar alternativas que teñan en conta os procesos que fan posible a vida. Para saber máis: Vandana Shiva, Wangari Maathai, Alicia Puleo…
3
O Fondo Mundial para a Natureza (WWF) – Italia vén de concluír nun informe que existe unha relación moi estreita entre a propagación das pandemias e o tamaño da perda da natureza. As enfermidades que se transmiten dos animais aos seres humanos (como o Covid-19) están relacionadas con comportamentos inaxeitados das persoas (como o comercio ilegal de especies) e, en xeral, co impacto humano na destrución de ecosistemas naturais. Segundo WWF, protexer a saúde humana pasa por defender a natureza.
4
“Todo home é poeta. Esquecen facer versos porque se dedican a facer outras cousas; facer cartos, por exemplo”. ERNESTO CARDENAL, poeta, sacerdote, teólogo, escritor, traductor, escultor e político nicaragüense e home de profunda convicción humana. Foi un dos maiores defensores da Teoloxía da liberación. Faleceu o 1 de marzo pasado en Managua.
5
A Consellería de Educación resolveu a primeira edición dos Premios ás Boas Prácticas de ENSINO INCLUSIVO, que instaurou como medida para impulsar a atención á diversidade difundir boas prácticas neste eido e recoñecer o labor, esforzo e compromiso persoal e profesional dos equipos docentes. Os primeiros premios foron para o CEIP Luís Seoane de Oleiros e para o IES Manuel Murguía de Arteixo.
6
O Covid-19 ponnos diante dunha situación nunca vivida antes fóra do imaxinario e que suporá moitos CAMBIOS. No inmediato, aínda nos primeiros días do illamento, xa colocou a monarquía na picota, impulsou un movemento importantísimo de defensa da sanidade pública e está poñendo a proba a nosa resposta como comunidade. Iniciativas de voluntariado, campañas apoiando o consumo de proximidade e os grupos de consumo agroecolóxico xorden con forza e pódense atopar facilmente nas redes sociais.
7
Galiza produce máis ENERXÍA da que precisa e un 65% da produción electrica é renovable. O peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama non afectarían esta capacidade produtora, que ten nas eólicas a súa principal fonte enerxética. Séguenlle a hidráulica, o carbón (en caída), o ciclo combinado e a coxeneración.
8
INDITEX anunciou a realización dun ERTE (expediente de regulación de emprego temporal) que vai afectar a 37 000 dos seus 50 000 traballadores e traballadoras. Deste xeito, a empresa vai aforrar o 75 % dos salarios, que deberá compensar o Estado. Os seus beneficios declarados foron de 3 639 millóns de euros no último exercicio.