1

ROSALÍA DE CASTRO

Lúa Descolorida é o título da homenaxe musical a ROSALÍA DE CASTRO que acaban de sacar á rúa Lia Pamina e os Peregrinos. A artista castellonense sorpréndenos cun disco de catro cancións nas que mestura folk de raíces e música brasileira. Un intento de darlle a Rosalía un sentido global, coa certeza e o convencemento de que ela e a nosa cultura non teñen límites.

2

A pandeima acurrala o TÉXTIL GALEGO, do que dependen directamente máis de 9 000 familias do noso país. A crise non afecta a todos por igual, pero tradúcese nunha redución de ingresos dun total de 8 500 millóns de euros. Algunhas marcas, como Pili Carrera, xa botaron o peche e outras, como Adolfo Domínguez, poderían ter problemas de liquidez a curto prazo. Avecíñase unha reestruturación que podería acabar coa desaparición de máis dun terzo das empresas.

TÉXTIL GALEGO

3

REVOLTA DAS MULLERES NA IGREXA

A Porta Santa da Catedral de Compostela e a Igrexa da Peregrina en Pontevedra foron o escenario, o 7 de marzo, dos actos en Galicia da segunda REVOLTA DAS MULLERES NA IGREXA. As concentracións reivindicaron e celebraron as mulleres que nestes vinte séculos fixeron Igrexa non desde a submisión, senón desde a afouteza. A iniciativa, que se desenvolve a nivel internacional, promete non parar “ata que a iguadaldade sexa costume”.

4

Mentres os países ricos poñen unha vacina cada segundo, a meirande parte dos estados pobres non comezaron aínda o proceso. Así o recolle un informe da Alianza People’s Vaccine, á que pertence Oxfam Intermón. Estas e outras organizacións solicitan que os países ricos deixen de protexer os monopolios farmacéuticos e liberen e suspendan as PATENTES na Organización Mundial do Comercio, para que se poidan producir sen limitacións e entregalas a estes países a prezo de custo.

PATENTES

5

MATILDAS GALEGAS

O nodo en Galicia da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-GAL) súmase ao movemento #NoMoreMatildas e busca as MATILDAS GALEGAS. Mulleres do ámbito das ciencias, as humanidades, a tecnoloxía, as artes, a política ou os movementos sociais que non tiveron o recoñecemento público que merecían. Quen o desexe pode contribuír á súa campaña facéndolles chegar información a través da enquisa que se abre se escaneas o código QR desta noticia co teu móvil.

6

O PP aprobou en solitario o PLAN FORESTAL de Galicia. Enfronte, os partidos da oposición e numerosas organizacións sociais, que denunciaron a falla de diálogo e de consenso dun documento que “responde unicamente a intereses productivistas e de carácter privado”. Quéixanse de que se parte dunha análise ficticia da realidade e se aposta polo monocultivo, deixando o monte galego nunha situación de debilidade fronte aos incendios forestais.

PLAN FORESTAL

7

PARELLAS DO MESMO SEXO

A Congregación para a Doutrina da Fe fixo público a mediados do mes de marzo o seu posicionamento en contra da posibilidade de bendicir as PARELLAS DO MESMO SEXO. Non se poden discriminar as persoas homosexuais, di o Vaticano, pero non son dignas de recibir e expresar a graza, por se atoparen fóra dos designios de Deus. O pronunciamento xa atopou as primeiras reaccións no movemento de curas rebeldes de Austria ou na diocese suíza de San Galo, que afirmou que “a Igrexa non é a gardiá da bendición de Deus”.

8

Galicia conta cunha taxa de PSICÓLOGOS/AS de 3,7 por cada 100 000 habitantes, cando o aconsellable é entre 12 e 20 (nos países nórdicos chegan a 60). A consecuencia é que a nosa é a comunidade autónoma onde máis psicofármacos se consomen de todo o Estado. A situación crítica que viven estes servizos vese agora sobrepasada pola consecuencias da pandemia, onde preocupan especialmente dous colectivos: os maiores e os máis novos.

PSICÓLOGOS/AS