1
MULLERES GALEGAS KAÑERAS (MGK) é un proxecto nacido en 2014 da man de Patty Castro, para dar visibilidade a músicas e instrumentistas galegas. As dúas cancións e os dous vídeos iniciais, así como a gravación sobre o comezo do proxecto, deron paso á presenza de MGK en tres medios galegos (Roucoson, Galiza Metálica e GZmúsica) cunha sección propia, ademais de nas redes sociais. O obxectivo segue a ser, nove anos despois, dar difusión a mulleres “kañeras” de todos os estilos musicais.
2
Segundo datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN), o número de VIVENDAS dispoñibles en alugueiro en Galicia é de 2950, mentres que o das vivendas turísticas sitúase en 17 000 (15 966, segundo o INE no ano 2022). Malia a diferenza que poida existir entre os datos oficiais e as vivendas alugadas non declaradas, ese desequilibrio é un claro indicador dun factor que distorce o acceso á vivenda.
3
A FENDA DIXITAL está a dificultar o exercicio dos seus dereitos a moitas persoas que, por razón da súa idade, falta de formación ou de recursos, non poden acceder en condicións de igualdade aos recursos públicos. Os trámites en liña dificultan en moitas ocasións operacións que ata hai pouco se realizaban de xeito presencial, polo que cada vez máis entidades esixen poñer a disposición da cidadanía sistemas mixtos de atención cidadá.
4
Os 50 anos de traxectoria de FUXAN OS VENTOS recóllense nunha exposición itinerante que compila fotografías, instrumentos, partituras, carteis, poemas e outros obxectos do grupo que impulsou o Pai Xesús Mato en Lugo, aló polo 1972. Nestas datas pódese visitar en Santiago ata o 25 de maio. Durante este medio século de historia, foron dous os referentes do grupo: a recreación de pezas populares e a relación cos poetas do seu tempo.
5
Helena Pousa, Marga do Val, M.ª Victoria Martínez e Xosé Ramón Paz Antón asinan o libro AS MULLERES REPRESALIADAS NO CÁRCERE DE TUI, editado por ese concello en colaboración coa Comisión pola recuperación da memoria histórica do Baixo Miño, A Louriña e o Condado. Noventa e unha mulleres foron detidas nesta prisión acusadas de diversos delitos, dende a rebelión militar ao auxilio e refuxio a fuxidos, ou simplemente por seren parentes de homes represaliados.
6
LUIS DÁVILA (O BICHEIRO) recibirá no vindeiro mes de xuño o Premio Trasalba, do que foi merecente segundo a comisión de goberno da Fundación Otero Pedrayo, pola súa implicación na defensa da nosa lingua e a proximidade social das mensaxes que formula en defensa do galego. Destacan tamén a calidade do seu humor gráfico e a súa popularidade, o compromiso e unha modernidade que, pensan, sería moi do gusto de don Ramón.
7
A farmacéutica ourensá MAFALDA SOTO marchou no ano 2008 a Malawi, para cooperar como voluntaria nun hospital comunitario durante nove meses, pero acabou botando moito tempo máis en África. No ano 2017 fundou a ONG “Beyond Suncare”, unha ONG que dá apoio a 4000 persoas con albinismo, que son perseguidas e estigmatizadas só por esa circunstancia. Traballan pola mellora da súa calidade de vida e a súa integración social.
8
A GANDERÍA GALEGA faille fronte de xeito conxunto ao denominado “Cartel do leite”, mediante a interporsición de demandas conxuntas en distintos xulgados do Estado por pactar os prezos de compra do leite. A súa estratexia contempla incluír nesas demandas todas as particularidades que se dan nas prácticas das empresas leiteiras, para dar unha visión de conxunto que facilite a toma de decisións polos xulgados.