1
O vindeiro 20 de abril a IRMANDADE MONCHO VALCARCE entregará en Alvedro os Premios da súa convocatoria anual a Manuel Monge González (premio “Pola defensa da Terra”) e ao diario Nós (premio “Pola promoción da Terra”). Con eles quere homenaxear a persoas, colectivos ou entidades cunha traxectoria persoal ou colectiva contrastada que destacaran na defensa das persoas máis desfavorecidas, do noso idioma, da nosa cultura ou da nosa identidade. O xantar de celebración está aberto á participación de todas as persoas interesadas (irmandade@monchovalcarce.org ou no teléfono 660 346 182).
2
ACAMPA é unha iniciativa cidadá que integran máis de 60 colectivos de persoas solidarias, institucións e empresas con responsabilidade social e que ten como obxectivo a defensa dos Dereitos humanos, o Dereito internacional humanitario e o Dereito a refuxio. A rede convoca o seu oitavo Encontro internacional, que terá lugar nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña do 7 ao 9 de xuño, quere achegar á cidadanía a realidade infancia e a mocidade refuxiadas.
3
ANDREA LÓPEZ CHAO naceu hai 150 en Mondoñedo. Foi mestra en Paradavella, Lindín, Couboeira e Viloalle antes de emigrar a Cuba en 1904 despois de opositar á praza de directora do Plantel Educativo do Centro Galego da Habana. Foi unha pioneira na loita polo dereito á educación e a saúde das mulleres. Participou na creación da sociedade “Hijas de Galicia”, que asistiu as galegas emigradas en risco de exclusión social. Na web https://opoderdeeducar.es compílase o traballo realizado sobre a súa figura.
4
ALTRI quere construír en Palas de Rei unha fábrica de 360 Ha en terreos lindeiros coa Rede Natura (10 veces máis cá factoría de Ence). Producirá 250.000 Tn de celulosa e 60.000 de lyocell ao ano e utilizará a diario a auga equivalente ao consumo de toda a provincia de Lugo, da que verterá 30 millóns de litros de augas residuais tratadas ao río Ulla. A cheminea, de 75 m de altura, botará gases contaminantes afectando unha zona de 400 km2. Veciñanza e colectivos ecoloxistas xa están en pé de loita.
5
Entre o 4 e 6 de abril vaise celebrar na Serranía de Ronda o I CONGRESO INTERNACIONAL DE EDUCACIÓN RURAL SÉCULO XXI. O congreso xirará en torno a 4 áreas temáticas: o necesario cambio nas políticas públicas para a repoboación rural; a educación rural dende a organización e a planificación do sistema educativo; deseños curriculares e formación do profesorado dende unha óptica rural e a educación non formal no medio rural. Máis información e inscricións en: https://educacionrural.coceder.org/
6
A FUNDACIÓN LEGAR dedica o seu labor a difundir e promover a preservación, conservación, mellora, protección, vixilancia e desenvolvemento da música de raíz. Conta con dúas sedes (na Seara, en Quiroga e outra en Pontevedra) e unha programación diversa que inclúe entre outros proxectos o de “Mulleres Raíz”. Nesta proposta didáctica, a fundación rende homenaxe ás mulleres que foron mestras nos seus propios oficios, especialmente nos artísticos.
7
AQUÍ TAMÉN SE FALA é unha proposta nacida no IES Rafael Dieste da Coruña na que a día de hoxe xa partiparon 200 centros de ensino medio de todo o país, con máis de 25.000 mozas e mozos implicadas. É unha acción de resposta fronte aos estereotipos sobre a língua entre a mocidade ou sobre a súa utilización no sector empresarial. Comercios e establecementos locen o cartaz da iniciativa, que nace do compromiso da mocidade en converterse en activistas do uso do galego na súa propia contorna.
8
Coincidindo co seu parente francés, a XXI edición do FESTIVAL DE CANS terá lugar do 21 ao 25 de maio na parroquia porriñesa. A Asociación cultural Arela é a organizadora deste festival de curtametraxes de produción galega, onde tamén se estrean filmes e documentais, a música ten moita presenza e realízanse actividades moi diversas. E todo dende o “Agroglamour”, o concepto esencial que paira sobre o evento: chimpíns, adegas, pendellos, baixos e galpóns como base dun festival único.