1
O 25 de abril comeza en Chantada o Foro Rural Sustentable 2025, un encontro que, ao longo de tres días, xuntará persoas expertas, axentes e emprendedoras do rural para reflexionar, debater e facer propostas sobre a situación e os posibles cambios no sector. Nesta edición do foro falarase sobre soberanía alimentaria, comunicación e comunidade, o relevo xeracional, a viabilidade do sector primario, o impacto xeoestratéxico do sector e a tematización do rural.
Imaxe: galiciaconfidencial.com
2
Tres mulleres do mundo da escena e da comunicación -Marta Doviro, Ledicia Sola e Carmen Méndez- comparten o proxecto As R(h)umorosas, no que, en linguaxe de comedia, reivindican e celebran diversas ilustres mulleres galegas. Na súa proposta, elas cantan, tocan e bailan, achegándonos, entre outras, a Emilia Pardo Bazán, María Casares ou Pepa a Loba a través de situacións imaxinadas como unha entrevista no SEPE, un casting ou un programa televisivo de rexouba.
3
A Comunidade de Montes do Hío, con 200 comuneiras, vén de transformar un monte que era case na súa totalidade un eucaliptal nun terreo que combina piñeiros e árbores frondosas, e no que prevén eliminar o 80 % do eucalipto en dez anos. Na conservación do monte contan coa axuda do pastoreo das cabras da cooperativa Pouso da Serra. Tamén puideron contrastar a viabilidade do cultivo de shiitake, que está agora pendente de respaldo económico.
Imaxe: encrypted-tbn0.gstatic.com
4
Lévame a vida é un documental que dúas chairegas e unha malpicá presentan a través da súa produtora, Navíos e Folerpas, para recoñecer e reivindicar as creadoras e divulgadoras da música galega de tradición oral. Vanesa Siso, Iria Villares e Laura Varela entrevistaron moitas mulleres para poñer en valor a música de tradición oral desde a perspectiva da súa custodia, da súa transmisión e da súa divulgación nos eidos académico, artístico e comunitario.
Imaxe: terrachaxa.com
5
Outra proposta relacionada coas cantareiras que se homenaxean no Día das Letras Galegas 2025 é o ensaio divulgativo Cantareiras, de Icía Varela e Xosé Manuel Varela. O texto céntrase no percorrido vital de Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens. Para as crianzas, publicouse Sei cantar e sei bailar, de Eva Mejuto e Lucía Cobo, simulando un caderno de campo de Dorothé Schubart da súa viaxe de recollida de cantares e romances por Galicia.
Imaxe: xerais.gal
6
A tributación do grupo ENCE no ano 2023 por conta do imposto de sociedades foi de 5,1 millóns de euros, que pagou integramente en Madrid, onde ten a súa sede fiscal. En Galicia non ingresou nada por tal concepto, sendo as súas achegas fiscais as taxas (1,8 millóns) e o canon ambiental (1,4 millóns). Dicía Castelao: “A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid, e o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila”.
Imaxe: media.istockphoto.com
7
Unha das moitas criaturas xurdidas da Asociación Xermolos, de Guitiriz, é a Casa das Palabras. Naceu en 2004 e, a día de hoxe, reúne máis de 13.000 volumes nos seus estantes. Pero este fogar para as verbas acolle non só aquelas que se refuxian na escrita, senón tamén as palabras ditas, tanto as cotiás como as que a tradición rememora. De aí que a Casa das Palabras sexa un espazo de encontro onde se atopan a veciñanza e a cultura.
Imaxe: img.lavdg.com
8
A editorial Cumio vén de ofrecer unha nova colección de libros para crianzas: Miudiños, dedicada a recrear a vida de personaxes importantes da cultura galega a través de poemas. A autoría corresponde a Alba de Evan e Xabier Domínguez, e as ilustracións a Bea Gregores. Os “biopoemas” falan de aspectos da vida e da personalidade de Luís Seoane, Rosalía de Castro, Eduardo Blanco Amor, Elisa e Marcela… coa finalidade de achegar o seu coñecemento dun xeito ameno aos máis miúdos.
Imaxe: static.cumio.com