1

O CDR O VISO foi distinguido co Premio Pedra Alta, que concede o Museo Etnográfico da Limia, e que lle foi entregado o 30 de novembro. O xurado quixo recoñecer con este galardón a contribución do CDR á mellora da calidade de vida das persoas máis vulnerables, especialmente as maiores, e a súa aposta polo mundo rural. Fundado no ano 1990, o CDR é hoxe un referente para toda Galicia da utopía realizable.

2

A figura do trovador MARTÍN DE PADROZELOS, que tería nacido no lugar de Pedrucelo (Samos) e tería vivido a cabalo entre o séculos XI e XII, está centrando nos últimos tempos diversas iniciativas que tratan de poñer en valor a súa lírica. O cume destes traballos tivo lugar a finais de novembro en Sarria, coa presentación dun documental e do novo disco da Quenlla, Trobador no Camiño, as cantigas de Martín de Padrozelos, que inclúe as cantigas do autor musicadas e interpretadas polo grupo. Un bo regalo para este Nadal.

3

Protagonistas involuntarios do debate político, en España hai case 10 000 MENORES INMIGRANTES sen papeis, “menas”, como lle gusta de chamar á dereita política, tratando de invisibilizar que son nenos e adolescentes sen familias e en situación vulnerable. As comunidades autónomas incumpren a obriga de darlles documentos e unicamente un 21% conta coa autorización que lles corresponde por lei, o que lles dificulta o acceso a determinados dereitos e os converte en ilegais ao cumpriren 18 anos.

4

O ano novo chegará cunha nova cabeceira na prensa galega: NÓS DIARIO. O proxecto, impulsado por Sermos Galiza, terá como directora a María Obelleiro e poderemos mercalo nos quioscos, de martes a sábado. 32 páxinas a cor con “Galiza como referente e os intereses galegos como meta”. A “criatura” nace grazas ao apoio de 3 000 subscritores, que lle garanten a estabilidade financeira necesaria, e co compromiso de “tolerancia cero” coa manipulación informativa.

5

Túnez vai converterse no primeiro país árabe en introducir a EDUCACIÓN SEXUAL nas escolas. Non será a través dunha materia, senón que se integrará en diversos plans de estudos e fará fincapé no consentimento e na seguridade. O país africano continúa así a ser un pioneiro no ámbito musulmán, pero ao que lle queda un longo camiño por percorrer, como demostra o feito de que o 53 % das mulleres tunesinas sofre un ataque violento ao longo da súa vida.

6

O Nadal en Galicia vai moito máis alá das luces de Vigo e convídanos a visitar algún dos moitos BELÉNS e a recoñecer o traballo das mans xenerosas que están detrás. Algúns lévanse facendo máis de setenta anos, como o de Conxo, outros, como o de Begonte, contan co recoñecemento de Festa de interese turístico. Son cita obrigada o de Viveiro, coas figuras a tamaño natural; o de Valga, o máis grande de Galicia con figuras en movemento; ou o de Ourense, obra de Arturo Baltar.

7

Ao que lle gusten os museos, pódese achegar este Nadal ao MUSEO DO CAMPO E DA MECANIZACIÓN, que se vén de inaugurar: abriu as súas portas en Silleda a finais de outubro. Son 4 000 metros cadrados e doce salas, a través das cales se pode facer un percorrido pola historia do campo, desde o paleolítico ata ata os nosos días. Os 25 000 visitantes que agardan recibir cada ano poderán gozar das reproducións e pezas orixinais que amosan a evolución da agricultura en terreos clave para Galicia, como o lácteo ou a viticultura.

8

O 25 de novembro volveu a sacar á rúa unha realidade coa que nos atopamos cada día, a da VIOLENCIA CONTRA A MULLER. Malia á loita diaria de infinidade de colectivos e persoas, os datos son terribles. Sirvan tres: unha de cada 2 de mulleres asasinadas éo polo seu compañeiro sentimental ou un membro da súa familia; só o 52% das mulleres casadas ou que vive en parella decide libremente sobre as súas relacións sexuais; no mundo, unha de cada tres mulleres sufriu violencia física ou sexual.