1

CHORIMA

CHORIMA é unha asociación cultural a prol da lingua que naceu en Lalín o pasado mes de outubro. A asociación quere traballar na reivindicación do patrimonio lingüístico, cultural, político e histórico, unindo o seu labor ao doutras asociacións locais de Galicia que fomentan o uso, a aprendizaxe e a descoberta de diversos elementos e mesmo o recoñecemento de artistas locais (de feito, o seu propio logo foi deseñado por Lúa, unha artista da comarca).

2

Para defender a Galega/Dígoche de corazón/Calidade informativa/Menos manipulación: esta copla valeulle a SARA unha rifa da CRTVG polo seu apoio ao colectivo Defende a Galega, ao tempo que a facían responsable da posible desaparición do espazo de regueifas do programa “Luar” onde participou. Porén, o “Vai de regueifa” seguiu adiante naAmentres Sara, segundo di, volveríao facer. Defende a Galega superou en novembro os 130 venres negros denunciando a manipulación nos medios públicos galegos.

SARA

3

TOUTES APÔTRES

TOUTES APÔTRES! (Todas as mulleres apóstoles!) é un colectivo francés comprometido coa igualdade das mulleres na Igrexa. En outubro publicaron unha declaración de oposición á designación do novo arcebispo de Lyon (cargo ao que se postulara á teóloga Anne Soupa) argumentando que se a Igrexa non nomea as mulleres para responsabilidades reais, desaparecerá. “Onde están os signos de apertura, da fin dunha segregación clerical? Cando veremos a designación dun membro do pobo de Deus por elección?”, preguntan.

4

A veciñanza de SAN FACUNDO DE RIBAS DE MIÑO, en Paradela, decidiu aló polos anos 90 que no seu camposanto figurasen todas as lápidas escritas (ademais de cun deseño e tipografía iguais) en galego, o que o converte no único do país no que o último adeus dáse na lingua propia. O conxunto foi declarado monumento nacional en 1982, e acolle nun contorno rodeado de viñas un mosteiro fundado no século XII para acubillar os peregrinos que se dirixían a Compostela.

SAN FACUNDO DE RIBAS DE MIÑO

5

DE BOTÓNS

Carlos Quintá e Pedro Pascual publicaron logo de cinco anos de traballo o cancioneiro “DE BOTÓNS”, nome co que se coñece o acordeón diatónico en moitos lugares de Galicia. O libro selecciona parte do repertorio musical galego adaptado ao instrumento, está escrito con perspectiva de xénero e inclúe pezas de territorios que algún día tamén foron galegos ou cos que non existe unha barreira cultural (Eo-Navia, O Bierzo, León ou Portugal).

6

A FURGOLIBRO da tía Ni é unha librería ambulante con servizo a domicilio que circula polos mercados das Rías Baixas, recolle pedidos e mesmo atende con cita. A súa promotora, Nieves Loperena, compra e vende libros, empréstaos, e ten acondicionada a Furgolibro para poder gozar do pracer da lectura. Pódese contactar con Nieves a través das redes sociais e tamén en Gaxate, A Lama, onde ten un local cunha morea de obxectos moi interesantes.

A FURGOLIBRO

7

TEATRO CINE ELMA

Un dos locais que acollen parte da programación cultural no Barbanza é o TEATRO CINE ELMA, na Pobra do Caramiñal. Foi deseñado por Antonio Tenreiro, quen tamén proxectou o cine Savoy, a sede do Banco Pastor e a Casa Barrié na Coruña e o Cinema Fojo de Ortigueira. Inaugurouse no 1953 e hoxe está totalmente rehabilitado. O ELMA acolle unha variada programación que xestiona o concello e resulta unha boa opción para as tardes de (case) todos os domingos de inverno.

8

A REDE DO PATRIMONIO CULTURAL é unha agrupación de moitas entidades que entenden o noso patrimonio como un dos principais activos sociais, identitarios e económicos de Galicia. Aposta pola defensa e posta en valor do patrimonio material e inmaterial e sitúa a educación formal e informal como un obxectivo central no seu desenvolvemento e nas súas accións. A través da RPC visibilízanse as accións das entidades participantes alén das súas canles habituais de difusión (www.redepatrimonio.gal).

A REDE DO PATRIMONIO CULTURAL