1

REVOLTA DE MULLERES NA IGREXA

O premio Alandar 2021 recaeu na REVOLTA DE MULLERES NA IGREXA. O xurado dos premios valorou a aposta do movemento pola “utopía doutra Igrexa posible e necesaria, menos xerarquizada e máis Pobo de Deus, máis horizontal e menos vertical”. Tamén valora a creación de “espazos de coordinación e acción conxunta con movementos similares en Europa, América Latina e Norteamérica” pola rede, á que cualifica como “un dos movementos eclesiais máis importantes dos últimos anos en España”.

2

O CDR O Viso promove un percorrido por LODOSELO ao longo de 12 paradas, que, a través de códigos QR, queren dar a coñecer o medio e resaltar as diferenzas que os fan singulares. O xogo, dirixido a todas as idades e ofrecido en aberto para quen queira achegarse, pretende que se interactúe coa poboación local nun itinerario secuencial no que se ofrece información sobre construcións, usos do territorio, emprego de materiais ou infraestruturas.

LODOSELO

3

S.O.S. OURENSE

S.O.S. OURENSE reuniu máis de 2000 persoas para denunciar a situación crítica na que se atopan a cidade e a provincia. Na convocatoria, apoiada por 70 entidades, dirixíronse consignas contra o alcalde da capital e o presidente da deputación, responsabilizando estas institucións da deriva da cidade e do baleirado de infraestruturas e das institucións culturais coma o Auditorio, o Museo ou a Universidade Popular.

4

A REDE GALEGA CONTRA A POBREZA é unha entidade que une varias ONG que loitan contra a pobreza, a exclusión e a desigualdade social e de xénero. O informe “Estado da pobreza en Galicia 2020” sinala que o 25,7 % da poboación galega está en risco de pobreza ou exclusión social, destaca o agravamento da feminización da pobreza e o impacto dos prezos da vivenda na loita contra ela. A maiores, Save the children denuncia que España é o terceiro país da UE con maior taxa de pobreza infantil.

A REDE GALEGA CONTRA A POBREZA

5

DARÍO XOHÁN CABANA

“O galego é a miña lingua. Se non escribise en galego, non escribiría… Nos tempos de hoxe vemos, agás que non queiramos ver, que a supervivencia do galego está gravisimamente comprometida. Se as cousas non cambian radicalmente de aquí a vintecinco ou trinta anos, o galego está practicamente reducido a estatuto de lingua morta, aínda que ilustre… e mesmo me fan cabrear moitas das cousas que observo con respecto ao bilingüismo harmónico…”. DARÍO XOHÁN CABANA (entrevista en Cultura Galega, 2001).

6

Na parroquia dos Ánxeles (Brión), a Asociación DAQUÍ DARREDOR vai por volta de dous anos que puxo en marcha a súa cociña colaborativa, co obxecto de transformar produtos locais para a venda de proximidade. Para tal fin, a veciñanza transforma os excedentes das súas hortas en masas e conservas para a venda e, ao tempo, organiza a través da asociación unha feira (o Mercado Daquí Darredor) con produtos labregos, artesanía, segunda man… os primeiros e terceiros venres de mes, das 5 ás 9 do serán.

DAQUÍ DARREDOR

7

FOLGOSO DO CAUREL

Movistar deixa sen telefonía fixa ao FOLGOSO DO CAUREL dende novembro. A alternativa que ofrece a operadora (cambiar a fibra óptica) non cobre as necesidades da comarca, xa que só chega a dous núcleos –Seoane e Folgoso–, desatendendo todos os demais. O sistema de radio ou satélite, habitual no rural tampouco soluciona o problema, por falta de cobertura en moitos casos. A veciñanza e o concello mobilízanse para atopar solucións fronte a este novo desmantelamento de servizos no rural.

8

TANXUGUEIRAS será, de ser escollida, a primeira formación musical en levar ao festival de Eurovisión un tema nunha lingua diferente ao castelán en representación de España. A canción que presentan é, segundo din, un tema en galego con pandeiretas, coa súa sonoridade e os seus ritmos, de raíz. Pretenden amosar a calidade da cultura e da música galegas, impulsar a música en galego e normalizar a presenza das linguas cooficiais.

TANXUGUEIRAS