1

EÓLICA MARIÑA

Galicia parece condenada a repetir os seus erros en materia enerxética e volve poñer os recursos nas mans de empresas de fóra do país. Antes foi a enerxía hidráulica (Iberdrola, Naturgy e Enel controlan o 82,5 % da potencia do país) e a eólica (Iberdrola, Naturgy, Enel e Acciona Enerxía representan o 56 % da potencia total) e agora vai ser coa EÓLICA MARIÑA: os sete proxectos en tramitación nas costas galegas son de capital foráneo e tributan todas elas na capital do Estado.

2

Este ano cumpriuse o 33 aniversario do falecemento dos e das MÁRTIRES DA UCA (Universidade Centroamericana). Os cinco cregos xesuítas (Ellacuría, Segundo, Juan Ramón, Ignacio, Joaquín e Amando) e as dúas mulleres, Elba e Celina, foron asasinados por militares no marco da guerra civil salvadoreña en 1989. Na súa lembranza seguen a celebrarse actividades cada ano, nas que participa a mocidade de todo o país, co fin de preservar o seu legado e o seu traballo coas comunidades e pola paz.

MÁRTIRES DA UCA

3

Campo de trigo

A guerra de Ucraína ten as súas consecuencias máis alá da zona ou do continente europeo. Catorce países de ÁFRICA dependen en máis da metade das importacións de trigo de Rusia e de Ucraína e a metade do continente en máis dun terzo. A consecuencia: o prezo do pan está disparado, nalgúns casos por encima do de España. O africano medio gasta o 40 % do salario na súa alimentación e na da súa familia, fronte ao 17 % que se gasta en Europa.

4

SON DAS FLORES é un proxecto do CEIP Vicente Risco, do barrio das Flores de Vigo, que acolle unha orquestra infantil, na que participa xa a metade do alumnado da escola. A través desta actividade extraescolar, ofrécese un espazo de ocio saudable e de balde, no que se traballa, mediante a música, a educación en valores, a autoestima e a procura de referentes fronte á situación de desigualdade na que se desenvolve a vida do barrio.

SON DAS FLORES

5

HEBE DE BONAFINI

No mes de novembro faleceu HEBE DE BONAFINI, a histórica presidenta de Madres da Plaza de Mayo. A ditadura secuestrou a dous dos seus tres fillos, Jorge Omar (e a súa esposa, María Elena) e Raúl Alfredo. En 1979 converteuse na presidenta da asociación de mulleres que confrontou o goberno militar nuns anos moi duros da ditadura, entre os 70 e os 80. “O día que morra non teñen que chorar. Teñen que bailar, cantar e festexar na Praza porque fixen o que quixen, dixen o que quixen e pelexei con todo”.

6

GALICIA DE 20 A 20 é unha serie documental de 10 capítulos sobre a viaxe por Galicia da fotógrafa Ruth Matilda Anderson nos anos 20 do século pasado. Dirixida por Alejandro Gándara e Ollalla Tubío, non foi tratada con moito agarimo na súa produción, mais saíu finalmente adiante e pódese ver no enlace: www.crtvg.es/tvg/a-carta/programa/galicia-de-20-a-20. Está presentada por Sonia Méndez, a quen acompaña a fotógrafa Leticia T. Blanco na procura dos pasos que seguiu Ruth Matilda, un século despois.

Cartel GALICIA DE 20 A 20

7

ZOCAMIÑOCA

ZOCAMIÑOCA é unha cooperativa de consumo consciente e responsable da Coruña que agrupa a máis de 150 familias. Procuran unhas relacións directas e xustas coas produtoras e distribuidoras coas que traballan e o cumprimento dos valores propios deste tipo de cooperativas: dignificación do rural, apoio ao comercio local, soberanía alimentaria, economía social e, en xeral, o respecto ás persoas e ao medio. Están na avenida da Concordia, 199 (https://zocaminhoca.gal/web/).

8

PABLO MILANÉS foi o fundador, xunto con Silvio Rodríguez e Noel Nicola, da Nueva Trova Cubana. Durante a súa carreira compuxo máis de 400 cancións, publicou 40 álbums e puxo música a varias películas, series e documentais. No ano 2014 fixara a súa residencia en Vigo.
“Esto no puede ser no más que una canción, quisiera fuera una declaración de amor…” Pablo Milanés; Cuba, 1942 – Madrid, 2022.

Pablo Milanés