1

cartel IRMÁNS NA FALA
IRMÁNS NA FALA é unha serie web producida pola RAG, co apoio do Concello da Coruña, na que se recollen as biografías de Micaela Chao Maciñeira (a pioneira), da modista María Miramontes, da mestra Elvira Bao, de Amparo López Jean (presidenta da Agrupación Republicana Feminina da Coruña) e da nadadora Emilia Docet. A Academia procurou, a través deste traballo, virar a perspectiva da xénese do galeguismo e do nacionalismo dende as vidas destas cinco mulleres que destacaron en distintos eidos sociais.

2

VIGGO MORTENSEN, coñecido actor estadounidense, dedícase tamén á fotografía, á música, á dirección e produción de cinema e música e á escritura. Esa faceta de escritor foi a que o levou a participar na Coruña, dentro do ciclo de Poetas di(n)versos, de Yolanda Castaño, coa lectura en galego de poemas de seu. Acompañouno o poeta ceense XOSÉ IGLESIAS, mariñeiro e capitán de barco, autor de varios poemarios e dun álbum ilustrado.
VIGGO MORTENSEN

3

Portada libro O azul entre o ceo e a auga
A historia da familia Baraka, contada en O azul entre o ceo e a auga, de SUSAN ABULHAWA, chéganos en galego da man de Rocío Viéitez Ferro (Ed. Laiovento). Diversas xeracións de mulleres amósannos a realidade da vida na franxa de Gaza. Tolas, valentes, desleigadas…, todas elas contando unha historia de resiliencia fronte a condicións adversas, a través da fortaleza das matriarcas.

4

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS presentou un recurso contencioso-administrativo fronte ao Sergas por vulneración dos dereitos fundamentais, ao eludir este o seu deber de transparencia. O Sergas négase a facer pública toda a información sobre as LISTAS DE ESPERA de 2021 e 2022 e só facilita as de carácter estrutural, pero non as non estruturais, é dicir, as das persoas pendentes de atención porque non se poden programar intervencións ou as que son derivadas a outros centros do propio Sergas ou aos centros concertados.
Manifestación polas listas de espera

5

Cartel homenaxe Xulio Montero Álvarez
O pasado 18 de novembro, na Eira da Xoana rendeuse homenaxe a Xulio Montero Álvarez, crego obreiro sindicalista. A fundación quere recoñecer o labor das persoas crentes que serviran e serven o pobo dende unha perspectiva galega, progresista e respectuosa co medio. Na homenaxe houbo un xantar de convivio, descubriuse unha placa conmemorativa e houbo intervencións sobre o homenaxeado.

6

Un dos lugares para consultar nomes de persoa en galego (antropónimos) é a páxina web da RAG, onde se recollen máis de 1500 deles na “GUÍA DE NOMES GALEGOS”. Ofrece, así mesmo, a súa correspondencia noutras linguas e a historia ou lenda que os acompaña. A guía inclúe formas tradicionais, nomes de lugar, nomes comúns e hipocorísticos. Como curiosidade, tamén permite coñecer cales foron os máis buscados na última semana e no último mes.
Logo guía de nomes galegos

7

Pintada sobre pared - housing is a human right
O CENTRO DE ATENCIÓN SOCIAL DE BELVÍS de Santiago terá capacidade para acoller ata 14 persoas sen teito durante períodos de tempo de entre 18 e 24 meses. Na base desta proposta está o modelo “Housing first”, que lles deu a volta ás intervencións realizadas ata entón con persoas sen fogar. Aquí, o que primeiro se pon á disposición da persoa sen fogar, dentro dun proxecto de intervención persoal, é a vivenda. O modelo ten unha porcentaxe de éxito superior ao 90 % en España e en Europa.

8

No pasado mes de novembro finou o académico, filósofo, historiador e teólogo ENRIQUE DUSSEL. Foi un dos fundadores da filosofía da liberación e contribuíu tamén ao nacemento da Teoloxía da Liberación. Considérase un dos grandes pensadores filosóficos americanos, cunha obra que se cualifica como base dunha filosofía comprometida. Crítico da modernidade, o eurocentrismo e o occidentalismo, defendeu o chamado “xiro descolonizador” ou “decolonial”.
ENRIQUE DUSSEL