1
En Galicia, no norte de Portugal, así como en Asturias, Euskadi e no norte de Castela e León, están asentadas 175 especies de PLANTAS INVASORAS, segundo recolle un estudo liderado pola Universidade de Oviedo. Delas, 37 causan graves impactos ambientais e socioeconómicos, como a acacia, a uña de gato e a herba da pampa. Para estas especies, o estudo recomenda o desenvolvemento de plans de xestión para o control poboacional e a restauración dos hábitats naturais.
Imaxe: uniovi.es
2
XAIME VARELA SIEIRO, mestre de Lingua e Literatura, presentou unha investigación sobre Cruz Risco, cineasta pioneira do cinema galego. Muller moi creativa e crítica, traballou como directora e como técnica de cine. Nun dos seus documentais, Por que marchamos (1978), tratou a emigración galega nunha peza que codirixiu xunto con outras tres mulleres máis.
Imaxe: img.lavdg.com

3

Nomes e Voces é un proxecto da USC que busca recuperar a memoria das persoas represaliadas durante a Guerra Civil. No marco do proxecto, que recibiu o Premio da Crítica de Galicia, elaborouse un fondo de gravación para a memoria oral da guerra e unha base de datos que recolle os nomes das vítimas, tanto as persoas asasinadas como as desaparecidas e as presas.
Imaxe: nomesevoces.net
4
Entre Bueu e Moaña, no monte Ermelo, habita un mineral que ata agora era descoñecido no planeta. Agora, xa con nome e convenientemente descrito, a ERMELOÍTA forma parte do catálogo de especies minerais aprobado pola Asociación Internacional de Mineraloxía. A este descubrimento cómpre engadir dous quilómetros de galerías e pozos virxes na cova máis profunda de Galicia: a sima de Arandelas, nas montañas do Courel.
Imaxe: minariasostible.gal

5

Houbo que levalo enganado, dicíndolle que a homenaxe á que ía era a doutro compañeiro. Foi esta a maneira de facerlle chegar o amor que lle teñen na montaña a RAMIRO, o cura de Cervantes, ese amor que el pon no cerne das súas accións. No acto de recoñecemento a Ramiro por parte da Cooperativa A Carqueixa participaron outras entidades da comarca, lembrando o seu facer común, do que din que é un exemplo para todos.
Imaxe: elprogreso.es
6
Como non a admitiron na escola, os seus pais ensináronlle a ler e a escribir na casa. Polo verán escoitaba moita música na radio e volveuse unha gran afeccionada. MARISOL BRAVOS loitou ao longo da súa vida por promover a inclusión das persoas con discapacidade, camiño que percorre no seu libro Unha historia de superación, desde a polio que padeceu de nena ata converterse en mestra, grande afeccionada á música e activista. Como recoñecemento, recibiu en novembro o premio José Castiñeira.
Imaxe: elprogreso.es

7

Negro Púrpura é un documental dirixido por SABELA IGLESIAS e ADRIANA P. VILLANUEVASabela Iglesias e Adriana P. Villanueva a partir de entrevistas realizadas en Galicia e no norte de Portugal, e de lecturas e outros recursos que recolleron nun blog. Ese material usárono como base para elaborar o guión do documental, que retrata a Galicia do século XX a partir do fungo alucinóxeno do centeo (dentón, caruncho, cornecelo), tecendo conexións entre veciñas, multinacionais farmacéuticas e a propia CIA.
Imaxe: negropurpura.gal
8
DIALLO SISSOKO partiu en caiuco de Mauritania cara ás Canarias. En Tenerife estivo nun macrocampamento, desde onde o enviaron a Madrid. Aos seus 21 anos, Diallo fuxía da guerra no seu país, Mali. En Madrid, ubicárono no CAED de Alcalá de Henares, e foi alí onde comezou a sentirse mal de saúde, cunha forte dor no peito e outras molestias. Durante unha semana tratárono con analxésicos, pero non quedou ingresado. Sete días despois, Diallo faleceu sen recibir unha atención axeitada.
Imaxe: elDiario.es
