1

A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello organizou no Castelo de Soutomaior unha xornada da man de César Pazos na que reuniu historiadoras e profesionais do audiovisual, co fin de impulsar proxectos literarios e cinematográficos centrados en Galicia. Durante a xornada púxose en valor a idea de contar a nosa historia polo seu gran potencial, pola súa forza, pola súa identidade e pola emoción que transmite, ligando pasado e presente coa nosa propia voz.

2

Mero Iglesias acaba de publicar o Catálogo do cantar de cego galego (Volume 1: Voandeiras, ao que seguirán no tempo outros tres máis) en Companha Editora. Mero comezou a recollida dos cantos de cego sendo un neno aínda, traballo que continuou ao longo da súa vida por todo o territorio galego. A obra pretende contextualizar as orixes destes cantares e a súa evolución ao longo do tempo a través de ensaios e descricións, incluíndo tamén unha proposta de catalogación dos xéneros rexistrados.

Portada do libro Catálogo do cantar de cego galego

3

A nova regueifa
A nova regueifa é un movemento de revitalización deste xeito tradicional de expresión popular galega. As súas bondades son destacadas, entre outros, por Sechu Sende, mestre e escritor, quen a considera un mecanismo de empoderamento da mocidade e tamén unha revolución simbólica da lingua. Como el di: “o galego non pode ser só un idioma de deber, senón de pracer, e a regueifa é un deses praceres colectivos”; ao tempo que fala da regueifa “como resistencia, pero tamén como felicidade”.

4

As cooperativas de vivenda son unha alternativa ao mercado convencional da construción e venda de inmobles. Permiten o acceso a unha vivenda non só en réxime de propiedade, senón tamén en cesión de uso, e son un xeito de crear, a través de pequenas comunidades, fogares que contemplen as necesidades (diversas) das persoas promoventes. Carecen de ánimo de lucro, polo que resultan economicamente máis favorables, e están a recibir axudas das administracións públicas. En Galicia xa hai varias en marcha.

Render dunha proposta de vivenda

5

Manifestación non mais abusos na igrexa
A Revolta das Mulleres na Igrexa xa ten representación en Lugo. Un grupo de seis mulleres, católicas e feministas, reúnese unha vez ao mes para abordar a súa formación en teoloxía mais tamén para reivindicar o papel das mulleres teólogas, aquelas que pulan por unha Igrexa de iguais fronte á relixión masculinizada da tradición. A Revolta loita pola igualdade, pola visibilización e pola representatividade das mulleres e contra o abuso na Igrexa.

Imaxe: lugoxa.com

6

O Concello de Vigo pretende construír un novo estadio de fútbol nunha gran área a medio camiño entre o centro da cidade e a praia de Samil. Carballos e outras árbores, humidais e fauna conviven nun entorno de alto valor que a veciñanza, colectivos ecoloxistas, científicos e académicas tentan protexer a través do colectivo Salvemos a Barroca. A entidade acusa o Concello de cambiar ilícitamente a cualificación da zona de verde a dotacional, sen que exista a posibilidade de formular alegacións.

Imaxe: vigoe.es
Manifestación do colectivo Salvemos a Barroca en contra da construcción dun novo estadio de futbol

7

Antía Muíño
“Carta Aberta” é o álbum publicado en 2022 por Antía Muíño, ano no que foi galardoada co Premio Martín Códax á mellor artista emerxente. Antía bebe da música tradicional, que coñece desde nena, e graduouse tamén en guitarra clásica. Móvese polo folk, polo jazz, polo pop, pola bossa nova e pola música de autor. Na actualidade está a xirar con Baiuca e acaba de gravar un par de pezas co pianista Abe Rábade. O seu segundo traballo en solitario publicarase a principios do vindeiro 2026.

8

Neste mes de decembro modifícase a moratoria á plantación de eucalipto en Galicia. As previsións iniciais do Plan Forestal pretendían reducir ata o ano 2040 nun 5% as máis de 422.000 ha existentes, pero en 2024 xa superaban as 438.000. A moratoria, xa que logo, non conseguiu os seus obxectivos e mesmo, a partir do vindeiro ano, permitirase aplicar excepcións para “flexibilizala”, algo que entidades e especialistas valoran moi negativamente.

Plantación de eucaliptos