1
O prensa galega volve a estar de boa hora. Logo da aparición de Nós diario, agora nace AS NOSAS, o xornal do deporte feminino galego. Dirixido por Silvia Carregal, a publicación nace cun obxectivo claro: “aportar unha visión de xénero que fomente na sociedade valores de igualdade, sororidade, respecto, superación e competitividade sá”. Podedes visitar a súa web www.asnosas.gal ou seguilo nas redes sociais como @asnosasdeportes.
2
A mediados de decembro, con motivo do Día Internacional das Migracións, a ONG Ecos do Sur presentou a primeira guía online para CIBERACTIVISTAS en galego. O manual está elaborado polo Institut de Drets Humans de Catalunya, SOS Racisme e United Explanations e quere axudar as persoas ciberactivistas a dar un paso adiante contra o racismo e a xenofobia a nivel discursivo e nas redes sociais. Pódese descargar desde www.ecosdosur.org.
3
A DEVESA DA ROGUEIRA, no Courel, acaba de converterse no primeiro bosque de España e segundo de Europa en certificar a conservación da biodiversidade a través do selo FSC. Detrás desta acreditación atópase a comunidade de montes de Rogueira e Cabana e o seu plan de ordenación da fraga. O recoñecemento obriga a auditorías medioambientais periódicas, pero sen axuda institucional, o futuro dependerá das achegas de empresas, institucións ou fundacións.
4
A Asociación para a Recuperación da MEMORIA HISTÓRICA cumprirá este 2020 vinte anos de vida. Dúas décadas de loita pola dignificación do pasado e nas que axudaron a centos de familias a recuperar ou coñecer o destino dos restos dos seus seres queridos. Neste momento teñen catalogadas máis de 3 000 fosas. Mentres, os xulgados españois arquivaron practicamente todas as querelas presentadas, tanto por particulares como por institucións, por crimes do franquismo.
5
No ano 2019 produciuse unha mellora xeral dos SALARIOS segundo un estudo que vén de presentar a escola de negocios Eada. O informe incide na desigualdade da suba: mentres os directivos viron incrementado o seu soldo nun 4,58 %, os empregados fixérono só nun 1,89. Pon, tamén, de manifesto que na última década os salarios medraron por encima da inflación (1,29 puntos). A causa non foi o aumento dos primeiros, senón o comportamento moderado da segunda.
6
Con máis de corenta anos de historia a ASOCIACIÓN CULTURAL ALEXANDRE BÓVEDA segue a ser un referente na animación sociocultural da cidade da Coruña e de Galicia. Entre as múltiples actividades que acollerá este ano o seu local da rúa Olmos, destacar o ciclo “Mulleres e realidades comúns”. Cinco ponencias con voz de muller para tirar unha mirada poliédrica sobre a súa realidade: exclusión residencial, saúde mental, activismo… e como un debate para facer balance do feminismo no último ano.
7
Logo de tres meses de conflicto social en CHILE, os datos da represión son brutais: 27 mortos e máis de 3 500 feridos. As mobilizacións contra as políticas neoliberais do presidente Piñera iniciáronse a mediados de outubro, que lograron arrincar o compromiso dun referendo (previsto para o 26 de abril) de reforma da constitución. O obxectivo é incorporar o dereito a unha educación gratuíta, un traballo digno, a atención sanitaria e transporte de calidade, dereitos que agora se atopan privatizados.
8
Os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín, as pantallas de Xinzo, os xenerais da Ulla, os boteiros de Viana, os volantes de Chantada, os merdeiros de Vigo, as madamas e os galáns de Cobres, o oso de Salcedo, o Ravachol de Pontevedra, os felos de Maceda, os choqueiros de Monte Alto, os vellaróns de Castrelo de Cima, as mázcaras de Maceda, os troteiros de Bande, a pita de Eiroás, os vergalleiros de Sarreaus… quetan motores para unha das festas máis esperadas do calendario: o ENTROIDO!