1
JULIAN ASSANGE empezou a traballar en 2006 no proxecto WiliLeaks, concibido como “servizo público deseñado para protexer a denunciantes, xornalistas e activistas que contan con información sensible que queren comunicar ao público”. A web usouse para filtrar información de escándalos políticos e financeiros, polo que é considerado un heroe por algúns e un perigo para a seguridade por outros. Estivo asilado e hoxe, enfermo, segue pendente de ser extraditado aos EUA.
2
A escollida como palabra do ano 2021 tiña moitas posibilidades –como así foi– de ser TANXUGUEIRAS. Olaia, Aida e Sabela chegarán ou non ao festival de Eurovisión, pero o que conseguiron polo camiño está á altura da súa calidade. Tanxugueiras é un zootopónimo das terras da parroquia de Fumaces, en Riós (Ourense) que designa a un lugar con presenza de teixugos. Polo momento, as tres mulleres teñen publicados dous álbums e varias colaboracións. Para elas non hai fronteiras.
3
PEPE MIÑONES foi un empresario, avogado e político nado en Corcubión en 1900 e fundou varias empresas. No seu labor como deputado, defendeu proxectos para a mellora do tren, as infraestruturas e as condicións de vida en Galicia. Tras o seu fusilamento en 1936, unha das súas empresas, Electra Popular Coruñesa, foi integrada por Pedro Barrié de la Maza coa Fábrica del Gas y Electricidad, da que era propietario en FENOSA, facéndose co monopolio eléctrico en Galicia durante décadas.
4
Na parroquia de SANTA CRISTINA DE COBRES (Vilaboa) a enfermidade do párroco, Guillermo Campos, levou á concelleira María Canosa a ocuparse de oficiar os actos relixiosos. Ela, que colabora na parroquia como catequista, quere contribuír a manter unida a parroquia e devolver a axuda que o crego lle prestou tanto a ela como á veciñanza.
5
No mes de xaneiro presentouse no Parlamento Galego unha Iniciativa Lexislativa Popular para protexer as COMUNIDADES DE MONTES, reforzando o seu carácter comunal e protexelos así de posibles intentos de privatización. A ILP persegue recoñecer a titularidade veciñal como unha máis e distinta das titularidades públicas e privadas, obter unha fiscalidade axeitada ás súas caraxcterísticas e mellorar o seu funcionamento democrático, co fin de acadar un monte veciñal multifuncional e sustentable.
6
“Ao día seguinte da miña chegada á parroquia en 1969 tiña a primeira misa e presenteime como son, en galego. Os que me escoitaban tamén eran galegos. Expliqueilles que me era un pouco raro falar galego ata a porta da igrexa e de alí para dentro, non”: MIGUEL FERNÁNDEZ GRANDE, párroco durante 50 anos en Parada de Outeiro, falecido en xaneiro. A veciñanza do concello de Vilar de Santos lembra o “compromiso co seu tempo, co progreso da nosa Terra, coa cultura e, sobre todo, coa nosa lingua galega”.
7
No ano 1963 naceu en Vigo a FUNDACIÓN PENZOL. Esta entidade cultural privada sen ánimo de lucro xorde cando Fermín Penzol doa a súa biblioteca especializada en Galicia ao acceso público para a investigación, converténdose nun centro de consulta para o estudo da realidade histórica e actual galega. Nos últimos meses incorporou ao seus fondos varias cartas intercambiadas entre Xosé Antón Miguélez e Ramón Piñeiro entre 1969 e 1974. A Fundación Penzol recibiu o Premio da Cultura Galega no ano 2020.
8
VINTE PREGUNTAS é un xogo para dispositivos móbiles e para ordenadores creado pola revista dixital Vinte, co apoio de Política Lingüística (vintepreguntas.gal). Pódese xogar de xeito individual ou colectivo e xira ao redor de diversas temáticas da vida e da cultura galegas. Divídese en catro bloques, nos que tanto se interroga sobre a sede dunha orquestra como sobre obras literarias, teatro, cine ou temas deportivos. O tempo estimado de cada xogo é de cinco minutos por persoa.