1
REGULARIZACION.YA é un movemento cidadán antirracista que loita dende o ano 2020 pola plenitude de dereitos das persoas migrantes. O 19 de febreiro do ano pasado iniciaron a recollida de sinaturas para a tramitación da ILP de regularización da situación administrativa das migrantes e refuxiadas, proceso no que participaron 900 organizacións e colectivos, comunidades, barrios e partidos políticos; en decembro rematou coa entrega de 700 000 apoios na Xunta do Censo Electoral.
2
A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) constatou as deficiencias do sistema español de AXUDAS PÚBLICAS, evidenciando que o 20 % das persoas máis ricas do Estado recibiron máis do 30 % destas axudas, mentres que o 20 % máis empobrecido apenas recibiu un 12 %. A isto cómpre engadirlle que cada vez hai menos presión fiscal en función da renda, o que acrecenta a desigualdade entre a cidadanía.
3
COMADRE foi elixida por votación popular palabra do ano 2022, na convocatoria promovida pola Real Academia Galega. Ademais do seu significado relacionado co parentesco, a RAG di que o termo “reivindícase como un xeito de designar aquelas que tecen redes de sororidade en pleno século XXI”, lembrando as mulleres “mozas e vellas que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida”, contexto no que se emprega dende hai moito.
4
A organización Nexus Human Rights alerta sobre a gravidade da situación no departamento do Valle del Cauca, en COLOMBIA, onde organizacións sociais, sindicais e de dereitos humanos denuncian as agresións constantes e reiteradas ao seu labor de loita social. Estas ameazas e intimidacións proceden das autodenominadas Autodefensas Gaitanistas de Colombia e das disidencias das FARC, sen que o goberno, segundo denuncian as entidades sociais afectadas, estea a procurar unha resposta axeitada.
5
Tras a toma de posesión como presidente do Brasil, LULA DA SILVA derrogou varios decretos do goberno anterior e asinou outros en materia ambiental, que supoñen a prohibición da minería ilegal (garimpos) e da tala ilegal de árbores no Amazonas. Acordou, así mesmo, reactivar o Fondo Amazonía, creado para a captación de doazóns para a preservación da flora e instituíu o Ministerio dos Pobos Indíxenas. Tamén freou varios procesos de privatización e adoptou medidas sociais, como a Bolsa familia.
6
Once Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de distintas comarcas galegas, xunto coa Axencia Galega de Servizos Sociais e Gadisa, porán en marcha no vindeiro mes de febreiro o programa ECOCOMEDORES, co fin de impulsar a incorporación de produtos de tempada ecolóxicos, procedentes de produtores locais, nos menús de centros escolares. Un equipo de nutrición avaliará os menús existentes e proporá os cambios que considere oportunos, mais sen que iso supoña un incremento do seu custo económico.
7
Nun edificio da rúa Olmos da Coruña, dous frescos pintados por URBANO LUGRÍS agardan a decisión da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para seren declarados como Ben de Interese Cultural (BIC) e outorgarlles protección, dado o avanzado estado de deterioro do edificio no que se atopan. A humidade e a pouca calidade dos materiais empregados urxen unha actuación que o propio movemento asociativo promoveu diante da inacción dos organismos públicos.
8
Neste novo ano 2023 as galegas e os galegos teremos, como mínimo, dúas CITAS ELECTORAIS: a primeira, o 28 de maio, para elixir as novas corporacións municipais; e a segunda, nunha data por determinar, mais previsiblemente na segunda metade do ano, coas eleccións xerais. Non parece probable que haxa un adianto dos comicios galegos, cuxa celebración cumpriría no ano 2024, mais o tempo o dirá.