1

A asociación ADEGA publicou o “Informe Altri: celulosa do século XX para o século XXI”, de Ramón Varela, ecoloxista e biólogo, no que se recolle información sobre o proxecto que tanto a empresa como as administracións ocultan. Entre esa información, apórtanse datos sobre as 20 substancias contaminantes que a factoría emitirá e non se declaran, sobre as emisións difusas, as infraccións normativas e os custos sociais, económicos e medioambientais da que sería a celulosa máis contaminante do Estado.

Imaxe: lugoxa.com

2

ESF (Enxeñería Sen Fronteiras) Galicia é unha asociación fundada en 1993 que procura a construción dunha sociedade mundial xusta e solidaria, poñendo o desenvolvemento tecnolóxico ao servizo das persoas. Traballa ao redor dos conceptos de inclusividade e cidadanía global cun enfoque emancipador, de construción colectiva e do ben común. Organiza diversas actividades, entre elas os “ciberfaladoiros”, espazos nos que se poden encontrar en liña para abordar temas de interese (información en galicia.isf.es).

Foto encontro Enxeñería Sen Fronteiras)

3

Foto manifestación SOS Sanidade Pública
Diferentes profesionais do sistema sanitario galego agrúpanse na Plataforma SOS Sanidade Pública, desde a que loitan pola defensa do sistema sanitario público. Esta entidade sen ánimo de lucro denuncia a redución do investimento público e o paralelo incremento dos fondos destinados á sanidade privada. A Plataforma presentou no Parlamento unha ILP —que foi rexeitada— en 2023, mais non cesa no seu compromiso coa sanidade pública, organizando concentracións e manifestacións ao longo do país.

Imaxe: enfoques.gal

4

As Cartas desde a cadea que Rosa Luxemburg escribiu entre 1916 e 1918, mentres sufría condena polas súas actividades revolucionarias, foron traducidas ao galego por Almudena Otero Villena (Ed. Laiovento). A activista deitou nestes textos a súa faciana máis persoal, desvelando, a través de reflexións que van desde a política á botánica, o seu profundo amor pola vida, o potencial revolucionario das relacións afectivas e o desexo da escritora de relacionarnos doutro xeito coa propia natureza.

Rosa Luxemburg

5

Laura Fernández Abalde
O colectivo Dereito a Morrer Dignamente de Galicia lembrou na Praza do Obradoiro a Laura Fernández Abalde, falecida o pasado mes de novembro. Laura, activista viguesa, amante das camiñadas e integrante durante anos da plataforma, decidiu, diante da enfermidade terminal que padecía, ter unha morte digna. Deixou constancia, antes de marchar, da importancia de seguir loitando nos tempos vindeiros polos dereitos conseguidos.

6

Cumpríronse xa 75 anos do pasamento de Castelao. A súa obra, declarada Ben de Interese Cultural, é un dos alicerces da cultura galega. Para celebrar a súa figura e o seu legado artístico, político e social, o ano 2025 foi declarado o Ano Castelao, contando co apoio de distintas entidades, como a Xunta, o Parlamento, o Consello da Cultura Galega, e as deputacións e universidades galegas. Ao longo de 2025, organizaranse diversas actividades que se poden consultar na web castelao2025.gal.

Logo Castelao 2025

7

Cartel Xirarei
Un novo percorrido por Galicia, desta volta a través da banda deseñada, é o que nos ofrece Pablo Carreiro no seu traballo Xirarei! (Ed. Cuarto de Inverno). Dun xeito tenro e pillabán, Pablo visita personaxes, momentos e lugares esenciais de Galicia e do seu Vigo natal, e rende homenaxe a Don Benito, o comprometido párroco da igrexa “dos picos” (a Inmaculada Concepción), quen foi un referente no barrio do Calvario pola súa loita durante o franquismo.

8

Hai unha “poesía de santuario” que temos moito máis ao alcance grazas a un proxecto no que colaboran a USC e unha universidade estadounidense. Trátase dun mapa interactivo que se pode consultar en cantigasderomaria.org, que pon ao noso dispor 69 cantigas de romaría ou de santuario, recollendo o maior corpus de poesía en voz feminina da Idade Media europea. Esta páxina ofrece información, entre outros, sobre os textos, autorías, mapas e fotografías dos lugares que se mencionan

Fotomontaxe Cantigas de Romaría