1

Segundo un estudo realizado por persoal sanitario, case 27.000 MAIORES, que viven sós, sofren risco de malnutrición en Galicia, unha cifra que se eleva a 61.000, se se suman os que conviven en familia. En paralelo a esta realidade, as empresas de alimentación están comezando a abrir liñas de produción orientadas á terceira idade e as administracións financian proxectos como Seniorplus, Nutriage ou AHGAVE, que prentenden cubrir un nicho de mercado que medra ano a ano.

2

Nos últimos días de maio e primeiros de xuño vaise celebrar na cidade portuguesa de Braga a Semana do TURISMO DE FRONTEIRA, que acollerá o I Foro Internacional de Turismo de Fronteira Europeo e a V feira de turismo de proximidade “Expocidades”. O obxectivo é poñer en valor e preservar o patrimonio dos territorios de fronteira (que habitualmente teñen unha gran riqueza histórica, cultural e natural) e analizar e impulsar o seu aproveitamento económico a través dun turismo sostible.

3

A Xunta xestiona unhas 300 000 hectáreas de MONTES VECIÑAIS en Galicia (preto da metade do total), mercede a convenios coas comunidades de montes. O obxectivo era mellorar o traballo que facían as comunidades, pero, segundo denuncian algunhas asociacións forestais, o resultado dos convenios non está a ser o agardado e a produción sitúase moi por baixo do que cabería agardar. Falta saber se é principalmente un problema de xestión ou, como explica Juan Picos, da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra (Uvigo), son outros factores.

4

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, que abrirá as súas portas o 28 de xuño, acaba de recoñecer a compañía OS MONICREQUES DE KUKAS co premio Xiria ao Labor teatral. A compañía naceu hai 40 anos, en Santiago de Compostela, da man de Marcelino de Santiago (Kukas) e María Rey, e converteuse nun referente no mundo do teatro de marionetas e monicreques. Quen queira gozar da súa arte pode velos o 1 de xuño no Forum Metropolitano da Coruña, na rúa Monelos.

5

A mediados de abril deixounos DARÍO RIVAS, fillo do alcalde de Castro de Rei asasinado polos falanxistas no 36 e impulsor da querela arxentina contra os crimes do franquismo. Mero dedicoulle unhas Pingas de orballo (número 973), nas que falaba del como “ese home loitador necesario que abandeira a loita pola Dignidade, a de todos, polos dereitos humanos, con honra e Xustiza, a de verdade!”.

6

O xornal dixital SERMOS GALIZA cumpre o seu sétimo aniversario na rede, mentres vai avanzando no proxecto de sacar edición diaria en papel. Acadado o obxectivo mínimo de 3 000 subscritores, que garante a súa viabilidade económica, o 4 da maio deron a coñecer diversos pormenores: cabezallo, estrutura, imaxe gráfica… Agardan poder estar na rúa a finais de 2019.

7

40 MISIONEIROS, a maioría deles sacerdotes (35), foron asasinados o ano pasado en todo o mundo, case o dobre dos 23 que morreron no ano 2017. O continente con máis falecidos foi África (21), o que supón un cambio con respecto aos oito anos anteriores, no cal o número máis alto de asasinatos correspondía a América. O dato compleméntase co achegado pola asociación Open Doors, que revela que 4 126 persoas foron asasinadas no 2018 e 245 millóns perseguidas por ser cristiás.

8

De finais do século XIII datan as cantigas de Martín de Padrozelos, que está considerado o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa. O incansable MERO reuniu un feixe de músicos para que as letras do trobador volvan soar. Nuns meses agardamos asistir á presentación do que promete ser un dos eventos musicais galegos máis fermosos deste ano, a presentación de dez pezas musicadas nun disco que vos gustará ter na casa. A música segue sendo unha das pezas necesarias da nosa galeguidade.