1

A CARQUEIXA

A cooperativa A CARQUEIXA vén de gañar o premio Aresa de desenvolvemento rural, convocado polo grupo empresarial do mesmo nome e a USC. Un merecido galardón para esta entidade nacida no ano 1994 e que agrupa 200 socios da zona dos Ancares. Quen queira saber máis, pode visitar a súa web osabordosancares.com e mercar directamente e sen intermediarios a carne que producen. O seu é un compromiso co rural e coas persoas que queren vivir nel.

2

A nosa colaboradora CARME SOTO acaba de publicar un novo libro: Cuando Dios habla no solo en masculino. La teología feminista, unha presentación do que achegou a teoloxía feminista ao campo da teoloxía dende a experiencia relixiosa das mulleres cristiás. A obra forma parte da colección “Sofía” que acaba de inaugurar a editorial PPC, unha colección escrita e pensada por mulleres que buscan analizar a actualidade dende unha perspectiva orixinal e interpelante.

CARME SOTO

3

SENDEIRISMO

A chegada do bo tempo invita a saír da casa e a percorrer algunhas das moitas rutas de SENDEIRISMO que hai polo país, algunhas espectaculares e descoñecidas, como a das Reigadas, na Pontenova, ou as do río Mao, na provincia de Ourense. Unha oportunidade única para gozar da natureza e dun patrimonio que, como denuncia o Colectivo A Rula, vese ameazado a diario por plantacións forestais; as últimas, unha mamoa e unha estación de petroglifos no concello da Baña.

4

A organización “Seguridad, justicia y paz” vén de publicar o ránking das 50 CIDADES MÁIS VIOLENTAS DO MUNDO no 2020, no que as seis primeiras son mexicanas. O obxectivo do informe, segundo explican no seu prólogo, é chamar a atención sobre a violencia nas urbes e presionar os gobernantes para que garantan a seguridade pública. Mentres, nos EEUU varias ONG estiman que morren, aproximadamente, 1000 persoas cada ano como consecuencia da violencia policial.

50 CIDADES MÁIS VIOLENTAS DO MUNDO

5

A CULTURA

A CULTURA está sendo un dos sectores máis afectados pola COVID e vive unha crise económica da que tardará anos en recuperarse. Na nosa terra dálle traballo a máis de 30 000 persoas e supón unha porcentaxe no PIB similar á da pesca. Con todo, o talento creativo segue moi vivo; boa mostra é “Carreiro”, o último disco do grupo Peña, ou “A realidade enganosa”, do quinteto musical Néboa.

6

A mediados de abril faleceu Francisco Fernández, PACO, O DE CÁRITAS, como o coñecía todo o mundo en Vilagarcía, por ser o director de Cáritas Interparroquial da Arousa os últimos 16 anos. Xeneroso e comprometido, revitalizou a entidade a nivel local e puxo en marcha numerosos proxectos como o comedor sobre rodas, a casa de acollida de San Cribrán ou o invernadoiro que permitiu a intengración laboral de moitas persoas que pasaron por el.

PACO, O DE CÁRITAS

7

GRAN MURALLA VERDE

Case quice anos despois de que xurdise, a GRAN MURALLA VERDE avanza lentamente entre dificultades e falla de recursos. O proxecto, que ten por obxecto crear unha faixa vexetal que free a expansión do Sáhara, leva retaurado na última década 18 millóns de hectáreas, menos dunha sétima parte do obxectivo final. Con todo, permitiu xa que 11 millóns de familias puidesen cultivar alimentos para vivir e os ingresos das actividades que se puideron recuperar grazas a este traballo ascenderon a, aproximadamente, 90 millones de dólares en once países.

8

A revista ENCRUCILLADA celebra o seu 44 aniversario dando o salto ás redes e facéndose presente en Twitter, Facebook e Instagram. Podedes atopala como @r_encrucillada (en Twitter); “Grupo Encrucillada” en Facebobok e @revistaencrucillada en Instagram. Longa vida a este pequeno milagre de Pascua!

Encrucillada