1

A REDE DO RURAL

A REDE DO RURAL, da que forma parte Irimia, é unha comunidade configurada por colectivos, asociacións e entidades ás que as une a defensa do medio rural que xurdiu como reacción fronte a situación de desfeita xeral na que se atopa. Ten funcionamento asembleario, e moitas iniciativas en marcha en diversos eidos (macroproxectos eólicos, caza furtiva, plantacións industriais…). Máis información e contidos: www.rededorural.org

2

O XABARÍN CLUB emitiuse por primeira vez o 18 de abril de 1994. O seu formato inclúe series de debuxos animados, vídeos de bandas de música, espazos propios e o club de socios (146.000 no ano 2021). A Mesa pola Normalización Lingüística recolleu máis de 33.000 sinaturas a prol da “Iniciativa Xabarín”, que levou ao Parlamento galego e foi aprobada por unanimidade para reforzar a programación infantil en galego. Hoxe conta cunha app específica e a canle web Xabarín TV.

O XABARÍN CLUB

3

ANTÍA CAL VÁZQUEZ

A educadora ANTÍA CAL VÁZQUEZ sementou ao longo da súa vida novos xeitos de facer na escola, procurando referentes pedagóxicos que levou á práctica no franquismo a través da escola que promoveu, o centro Rosalía de Castro de Vigo, e tamén impartindo máis adiante cursos de formación docente e colaborando na edición de textos didácticos. Deixou escrita unha autobiografía (Este camiño que fixemos xuntos) no que revela o seu gran amor á língua, á cultura e ao país

4

No mes de maio comenza a súa andaina na Ulloa a ESCOLA CÍVICA PARA A CUSTODIA DO TERRITORIO co fin de abrir portas ao futuro laboral da mocidade no rural, nun proceso de aprendizaxe que vai da man da conservación do territorio e a transformación económica local. A través de encontros, visitas e xornadas, as participantes coñecerán diferentes proxectos e organizacións locais que traballan con modelos de economía social e solidaria, sostible, equitativa e de emprego de calidade.

ESCOLA CÍVICA PARA A CUSTODIA DO TERRITORIO

5

EXERIA

EXERIA percorreu Terra Santa entre os anos 382 e 385 e deixou constancia da súa viaxe nun texto que é hoxe un documento único. Marisa Vidal retoma a súa figura e, coas ilustracións de Sole Pite publican o libro Eu son Exeria. Lectura feminista dunha viaxe no século IV no que fan unha lectura en clave feminista das vivencias da primeira peregrina galega. Marisa Vidal interesouse polo trato ás mulleres na Igrexa naquela altura e por cómo Exeria obviou as recomendacións e as prohibicións do seu tempo.

6

A banda de Noia MOMBOI presentou o seu segundo traballo: “Vacacións en Ornanda”, no que se inspira na praia de Porto do Son para poñer o punto de mira na turistificación e na explotación da costa galega dos anos 90. Son 12 cancións nas que mesturan folk-rock con ritmos latinos e a tradición galega. Con elas pretenden conectar co medio natural e co seu lado máis humano.

MOMBOI

7

CONVOCATORIAS

CONVOCATORIAS para o mes de maio: os días 7 e 8, no Centro etnográfico do Mandeo, Curtis, celébrase no marco do proxecto Mulleres Bravas un encontro de activistas para a defensa da terra para reflexionar sobre como afecta o xénero neste tipo de activismo. Ademais, a Red de mulleres Miriam convoca on line o VI Foro de Encontro “Renacer desde la herida” o vindeiro 28 de maio, encontro que reinvindican como oportunidade para afondar dende a espiritualidade ignaciana con perspectiva de xénero.

8

A porcentaxe do SOLO DEGRADADO de Galicia chega xa ao 40% e incrementarase nos vindeiros anos. Segundo a investigadora Montserrat Díaz, a maior parte do solo é irrecuperable e perde espesor sobre todo por causa dos incendios. O elevado custo económico da recuperación dos solos, fai da prevención a medida prioritaria neste eido. Doutra banda, o proxecto galego e portugués Life Reforest desenvolveu unha solución cunha eficacia do 70-80% na redución de solos queimados a través de micotecnosolos.

SOLO DEGRADADO