1

OBXECIÓN FISCAL

Iniciouse, á par da campaña da declaración do IRPF, outra paralela en favor da OBXECIÓN FISCAL, apoiada por distintos colectivos. O obxectivo é cuestionar e impedir o financiamento da guerra, apoiando a un tempo outras causas sociais e concienciar a cidadanía sobre o efecto lesivo do gasto militar e dos enfrontamentos armados.

2

Rosario, Ana, Montse, Felisa e Mercedes, LEILÍA, pechan o círculo 30 anos despois e despídense como grupo coa xira “Vidas cantadas”, que levarán por distintos lugares de Galicia. Elas recolleron das mulleres unha tradición de canto e pandeireta que esmorecía, dignificándoa dun xeito que hoxe é máis que recoñecible na música galega.

Rosario, Ana, Montse, Felisa e Mercedes, LEILÍA

3

proxecto aRi[t]mar

O proxecto aRi[t]mar ten como obxectivo a divulgación da música e da poesía galego-portuguesas, procurando a interacción, a divulgación e o achegamento das dúas culturas no marco da Lei Valentín Paz-Andrade. Entre as súas propostas está a convocatoria do PREMIO Á MELLOR POESÍA, que na súa edición do ano 2022 ten 20 finalistas para o premio na Galiza e outras tantas para Portugal. O prazo para a votación popular, que se fai a través da páxina web aritmar.gal, remata o 14 de maio.

4

Un estudo publicado na revista científica Cell demostra que as PLANTAS tamén expresan o seu malestar cando teñen falta de auga ou mesmo cando sofren cortes e fano a través de sons. Para os seres humanos, estes ruídos, semellantes aos que se xeran ao estoupar un plástico de burbullas, son imperceptibles, o que non acontece con determinados insectos e mamíferos, como os ratos, que si son quen de percibilos.

Plantas

5

FLUXOS MIGRATORIOS

Os FLUXOS MIGRATORIOS cara aos EE.UU. dende América central seguen a incrementarse, malia as fortes medidas en contra da Administración estadounidense. No pasado ano detivéronse preto de 2,4 millóns de persoas na fronteira sur. O discurso dominante sobre a migración continúa insistindo na razón económica e na procura de novas oportunidades para migrar, mais a maioría dos migrantes, sobre todo as mulleres, foxen de situacións extremas de violencia e desigualdade.

6

MJ PÉREZ leva publicados 4 traballos discográficos dende que iniciou a súa andaina no ano 2014. Dende entón, tras varias participacións en distintos premios (foi finalista do Martín Códax e gañadora do Xuventude Crea) ofreceu máis de 150 concertos por toda Galiza e Portugal. A súa música evolucionou e mestúrase agora con ritmos latinos e música de raíz. No seu cuarto álbum, “A luz prendida”, colaboran con ela moitas outras grandes músicas.

MJ PÉREZ

7

Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (ALINGUA) promove e impulsa todas aquelas accións que persigan incrementar o uso da nosa lingua. Na campaña de 2023, “É túa. Pásaa!”, fai unha chamada á acción, a usala e transmitila. Na axenda da campaña figura unha web serie, entrevistas, novos recursos en galego e mesmo un tema musical propio, orixinal de Fátima Pego e Grande Amore.

8

“AS QUE LIMPAN” é o xeito no que a compañía de teatro A Panadaría fai visible a precariedade das limpadoras de pisos dos hoteis e a súa loita organizada en defensa dos seus dereitos sociais e laborais. Diante delas, a voracidade dos propietarios das cadeas hoteleiras e unha serie de preguntas: É posible un turismo sostible? Pódese separar o traballo do xénero? Quen lle limpa á limpadora?

AS QUE LIMPAN - compañía de teatro A Panadaría