1

Xornada. Igrexa e lingua na Transición. No centenario de Alfonso Zulueta. Organizada polo Consello da Cultura Galega e coordinada por Silvestre Gómez Xurxo. (Estaba prevista para o día 23 de abril, despois do peche deste número de Irimia) O Concilio Vaticano II, primeiramente, e o período da Transición en España, deseguido, supuxeron na sociedade e tamén na Igrexa o espertar dun mundo de inquedanzas. Unha desas inquedanzas, e non das menores, foi pola lingua. Diversos movementos e iniciativas a prol da galeguización da Igrexa tiveron moita relevancia e constituíronse na manifestación da nova conciencia que naceu na Igrexa galega. É importante analizar como xurdiron aquelas grandes inquedanzas a prol da galeguización da Igrexa e os movementos e iniciativas que botaron a andar, para facer un xusto recoñecemento ás persoas que tiveron un compromiso exemplar e tamén para observar o que permanece e como permanece. Estaba anunciada a participación de Silvestre Gómez Xurxo, Xosé Fernández Lago, Lois Ferradás Blanco, Pilar Wirtz Molezún e Andrés Torres Queiruga.

Imaxe: Vida Nueva

2

VOGAL (www.vogal.es) é un proxecto de Inés San Luis, enxeñeira informática que deseñou esta plataforma para poder ver series e películas en versión orixinal galega. A aplicación permite atopar contidos tanto por título como por categoría, e redirixe cara as plataformas (algunhas de pago e outras de balde) nas que se poden ver as películas ou series seleccionadas. O uso de Vogal é gratuíto, e finánciase con aportacións voluntarias.

Páxina de inicio VOGAL

3

Logo Seminario de Estudos Libertarios Galegos
O socialismo libertario ten un espazo para a reflexión, o debate e a aprendizaxe colectiva no Seminario de Estudos Libertarios Galegos (SELG). Esta iniciativa do colectivo Refuxios da Memoria propón a elección anual dun tema para a reflexión, ao redor do que se celebrarán sesións bimestrais. Nestes encontros abertos haberá palestras e mesas redondas de acceso libre, e os seus contidos compartiranse na web (selg.gal), onde tamén se poderán consultar as sesións previstas para o curso actual.

4

A editorial San Pablo Comunicaciones SPP publicou “La suegra de Pedro”, obra de CARME SOTO VARELA adicada á figura da muller que aparece nos evanxeos de Mateo, Marcos e Lucas sen ser citada polo seu propio nome nin recoller palabras por ela pronunciadas. A experiencia desta muller autónoma, que é quen de vivirse en igualdade e liberdade, recolle neste libro a reflexión sobre a necesidade de construír comunidades inclusivas e de reconfigurar espazos eclesiásticos dende o “compartir”.

Portada libro La Suegra de Pedro - Carmen Soto Varela

5

Ilustración cantigas
Todas as cantigas da lírica profana galego-portuguesa están xa ao alcance do público xeral en PALMED, unha base de datos que ofrece a transcrición literal dos textos das cantigas que chegaron ata hoxe, mesmo en todas as súas versións. Esta base de datos é pioneira no mundo, e engade información sobre os caracteres orixinais cando a lectura pode resultar máis complexa, como é o caso das abreviaturas empregadas polos copistas dos códices. Está accesible na web do Centro Ramón Piñeiro: cirpl.gal

6

En novembro de 2020, un grupo de máis de 2000 mulleres maiores de 65 anos presentou diante do TEDH de Estrasburgo unha demanda contra Suíza por violación dos dereitos humanos das persoas maiores. O motivo: non ter adoptado ese país medidas abondas contra o cambio climático. Litigaron pola vulneración dos dereitos á vida e á saúde, e á vida privada e familiar sen inxerencias, dereitos desatendidos malia a evidencia científica abrumadora ao respecto. Este pasado mes de abril, gañaron o xuízo.

Manifestación feminista

7

Logo Agrupación Cultural Alexandre Boveda
A AGRUPACIÓN CULTURAL ALEXANDRE BÓVEDA da Coruña está a ofrecer unha programación estable de cinema coa realización dunha proxección mensual dun filme no marco do “Cineclub Bóveda”. O obxectivo desta actividades é explorar obras do pasado que teñan plena vixencia na actualidade, mais tamén descubrir pezas do novo cinema, principalmente de autoría galega. A asistencia precisa inscrición previa en alexandreboveda.gal