1
Co obxectivo de honrar quen se distinguise na súa vida “polos servizos prestados a Galiza”, formalizouse a constitución da Fundación do Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, da que participan o Parlamento galego, a Xunta, o Concello de Santiago e a Arquidiócese compostelá. A fundación asume o labor de divulgación, organización e fomento de visitas ao Panteón, onde repousan os restos de Rosalía, Castelao, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas e Domingo Fontán.
Imaxe: eldiario.es
2
Non deixan de agromar novos proxectos musicais en Galicia, xa sexa coa aparición de novas formacións, coas agora tan frecuentes colaboracións ou a través de propostas de persoas que, formando parte dalgún grupo concreto, presentan ao tempo novas ideas en solitario ou acompañadas doutras. É o caso de Héctor Rodríguez, de Lontreira, quen publica un traballo en solitario, Montedapena, ou de Aida Tarrío, das Tanxugueiras, quen participa con Raül Refree no proxecto Gala i Ovidio.
Imaxe: https://ernierecords.com
3
Segundo o Grup Antimilitarista Tortuga, no 2024 o Estado español destinou 62.126 millóns de euros (1.130 € por habitante) a gasto militar, o que representa o 3,46 % do PIB. Este colectivo promove a obxección fiscal como acción colectiva de desobediencia civil, como desafío fronte ao poder militar e á construción dun futuro alternativo. Na práctica, materialízase destinando, na declaración da renda, a parte do imposto destinada ao gasto militar a entidades sociais que traballan pola paz e a xustiza.
Imaxe: https://objecionfiscal.info
4
A Asociación Somos Pandeireteiras é unha entidade sen ánimo de lucro creada no ano 2023 como espazo de sororidade aberto á creación colectiva e á transmisión, desde o posicionamento do galego como lingua vehicular, das mulleres pandeireteiras. Este ano organizan unha segunda xornada pública con catro mesas de traballo nas que se abordarán os trazos dialectais, os currículos formativos, a influencia das pandeireteiras nas persoas castelán-falantes e a tradución das coplas.
Imaxe: www.cultura.gal
5
Producións Teatrais Excéntricas pon en escena As Desterradas, obra escrita por Carme Varela e dirixida por Quico Cadaval. A proposta teatral lévanos ao mosteiro de Albeos (hoxe en ruína), onde un grupo de monxas resiste diante do enfrontamento cobizoso entre dous grandes poderes: a coroa de Castela e os mosteiros bieitos galegos. Elas, afoutas e libres, rezan, bordan, elaboran doces e loitan en desigualdade, logrando resistir durante varios anos.
Imaxe: www.compostelacultura.gal
6
A agricultura e a gandería rexenerativas van asomando nun panorama dominado durante anos por técnicas de explotación intensiva da terra e do gando. Estas prácticas céntranse na mellora e na rexeneración do solo, e producen grandes beneficios non só ambientais e para a saúde, senón tamén económicos, xa que reducen moito os custos de produción (maquinaria, combustible e agroquímicos). Optan por un laboreo mínimo, uso de abonos verdes, pastoreo planificado e fertilizantes orgánicos, entre outros.
Imaxe: www.creaf.cat
7
Ler en papel non ten a mesma profundidade que facelo en dispositivos electrónicos. O que se intuía desde hai tempo é agora obxecto de contraste científico. As pantallas e Internet facilitan un gran acceso á información, pero aumentan con elas o risco de distraccións e afectan negativamente á capacidade de mergullarnos e concentrarnos no que lemos. Así, a lectura en papel é máis conveniente porque a información e os coñecementos prenden de xeito máis firme.
Imaxe: www.mindicsalud.com
8
Anna Turbau retratou coa súa cámara a realidade galega dos anos 70. O seu contacto inicial co país veu da man dun encargo para documentar o proxecto de vivenda para a poboación xitana do Vao, en Pontevedra, mais a súa estancia prolongouse varios anos máis, nos que deixou testemuña da vida e do movemento social, político e sindical da época. Segundo ela dicía, o pobo galego é o gran protagonista das súas fotos. Anna faleceu o pasado mes de marzo.