1

Portas Ártabras da Coruña acolleu a mediados de febreiro a presentación do libro Moncho Valcarce, un dos inesquecíbeis. Sen esquecer a parte política, a obra quere lembrar a dimensión máis humana e persoal de MONCHO. 16 sinaturas diferentes compoñen un retrato poliédrico que se irá presentando por toda a xeografía galega.

2

Cando se está a punto de volver a pescar nas augas do Sáhara, logo de medio ano coa frota amarrada, medra a preocupación pola PESCA ARTESANAL, que reclama quedar excluída do sistema de cotas e TAC (totais admisibles de capturas) que a Unión Europea lle impón á frota. Os afectados, que suman 4 000 embarcacións, están a promover unha moción que conta xa co respaldo de todos os grupos políticos. A quen lle guste madrugar, ten unha fiestra aberta ao mar os sábados, de 7.00 a 8.00 h no programa Mar de ardora da Radio Galega.

3

No ano 2018, segundo os datos da Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber, foron abandonados ao redor de 20 000 mascotas, o que supón un incremento de máis do 15 % con respecto ao ano anterior. As entidades denuncian o feito de que se silencie esta realidade e reclámanlle á Xunta medidas contra o comercio ilegal de animais a través de internet, o aumento do orzamento e medidas educativas. O ABANDONO DE ANIMAIS cústalle á Xunta ao redor de tres millóns de euros ao ano.

4

A actividade NOITES ABERTAS do Concello de Pontevedra cumpre 20 anos. Trátase dun programa de lecer para mozos e mozas de entre 12 e 30 anos, que foi medrando ano a ano e nesta edición está a ofrecer 96 propostas diferentes, organizadas en 14 espazos da cidade. Actividades deportivas, propostas gastronómicas, música, manualidades… para darlle á xente nova unha alternativa de ocio saudable e creativo.

5

Ata o 23 de xuño poderá visitarse no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, a exposición Formas do deseño. Galicia XXI. A mostra recolle 300 traballos de máis de 100 deseñadores e deseñadoras galegas dos ámbitos do deseño gráfico, industrial, estratéxico ou multimedia; entre eles, o estudo Taller DD, que leva anos ocupándose do deseño e maquetación desta revista.

6

Desde que no 2007 superase os accidentes de tráfico, o SUICIDIO converteuse na principal causa de morte non natural no Estado. Lonxe de reducirse, o ano 2018 pechou cunha suba do 3 %, situándose o dato en 3 679 mortes. A nosa comunidade atópase nos postos de cabeza, coa arrepiante cifra de case unha morte por suicidio diaria. Nos dous grupos máis vulnerables (adolescentes e persoas maiores) está tomando especial relevancia a franxa de 55 a 70 anos, especialmente varóns, consecuencia desta longa crise.

7

Os gandeiros/as de LEITE ECOLÓXICO están a dar os primeiros pasos para crear unha organización de produtores/as a nivel estatal. O obxectivo é contar cun espazo que fomente o intercambio de información e coñecemento e sirva de nexo entre produtores e compradores. Para Galicia, o leite segue a ser a máis importante das producións ecolóxicas e cada ano incorpora ao sector unha media de 50 explotacións.

8

O goberno negocia con Marrocos a posibilidade de devolver en quente as persoas rescatadas por salvamento preto das súas costas, como unha medida para frear a chegada de inmigrantes a España. De chegar a acordo, contraviríase a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que xa condenou a Italia en 2012 por facer devolucións sumarísimas. As ONG denuncian, ademais, o perigo de realizar DEVOLUCIÓNS a países onde os dereitos e a seguridade das persoas non está garantida.