1

A casa dos Dieste volve abrir as súas portas o terceiro xoves de cada mes da man da Asociación Cultural Bubela de Abuín, que nos convida ás CONVERSAS NA DE DIESTE. A que foi lugar de encontro da intelectualidade rianxeira, testemuña de tertulias, recitais poéticos e musicais na rúa de Abaixo, ábrese outra volta á participación da veciñanza e visitantes para compartir a paixón polo coñecemento e a curiosidade pola cultura.

2

Falar, interactuar e compartir presencialmente en encontros informais sobre contidos académicos ou de actualidade universitaria aínda é posible… Os ENCONTROS DE LÚA CHEA teñen lugar en cafeterías, diríxense a todo o público e son intervencións curtas seguidas dun debate libre. Celébranse cada mes ao longo do curso académico, nos seráns dos mércores ou xoves máis achegados á noite de lúa chea. Organízaos a USC e o primeiro cuestionaba a posibilidade dunha minería sostible.

3

542.892 galegas e galegos viven por baixo do limiar de POBREZA e un terzo das traballadoras e traballadores galegos ingresa só o salario mínimo (fontes sindicais). A situación no Estado español motivou que a ONU enviase un relator especial para coñecer de preto a situación. En Galicia, Philip Alston reuniuse con varias entidades, entre elas a Rede do Rural, no encontro que se organizou no CIP de Monfero. O traballo final presentaráselle ao Consello de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra, en xuño de 2020.

4

Cousiñas xeitosas que atopamos navegando pola rede: PROLINGUA, a Plataforma a prol da defensa e promoción da lingua (prolingua.gal). Foi creada por persoas de distintas profesións e ideoloxías e pretende a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e comarcas estremeiras). Na súa páxina web, ProLingua recolle novas, audiovisuais, referencias de publicacións e un apartado de queixas, entre outros.

5

O teatro galego celebrará o seu I Congreso Internacional na Cidade da Cultura, do 25 ao 28 de marzo. Neste congreso trataranse tres liñas temáticas (experiencia, actualidade e modelos externos; o teatro e os públicos; a creación e os seus procesos) co obxectivo de por en común a situación actual do TEATRO galego, así como chegar a conclusións encamiñadas á transformación social que poidan servir de guía para profesionais, xestores e público. O seu lema será: “Co 2030 no horizonte”.

6

A Asociación Teitos do Piornedo lanzou unha campaña de micromecenado na rede para teitar as PALLOZAS de Piornedo. A inacción da Xunta forzou este proxecto, que quere recuperar os cultivos e traballos tradicionais do centeo para poder teitar as pallozas, declaradas Ben de Interese Cultural. De xeito indirecto, a acción servirá para recuperar traballos tradicionais comunitarios (segar, mallar, escolmar…) e evitar o seu esquecemento. Quen queira apoiar a iniciativa, pode facelo en www.goteo.org/project/apoio-economico-teitar-pallozas-piornedo

7

Asegura a conselleira de Medio Ambiente que nada tiveron que ver as protestas populares e que só os informes técnicos motivaron a fin do proxecto mineiro do Pino e Touro (“Só faltaba, estariamos todos vendidos!”, dixo). Sexa como for, a Declaración de impacto ambiental negativa pola existencia de dous informes “desfavorables” e “insalvables” de Patrimonio Natural e de Augas de Galicia botan á promotora da mina de cobre destes dous concellos, sumando unha vitoria colectiva á de Corcoesto.

8

“Ata que a Igualdade sexa costume” é o lema da FOLGA DE MULLERES NA IGREXA, convocada para o domingo 1 de marzo polas asociacións de mulleres cristiás feministas de Europa. En Galicia, Exeria recolle a chamada do Consello de Mulleres Católicas (CWC) para que as mulleres non asistan ás celebracións e amosar, coa súa ausencia, a súa importancia no sostemento da Igrexa. Tamén prevén un acto (“Alcemos a voz”) o día 14 de marzo na Porta Santa, ás 12.00 horas (información en www.exeria.org).