1

CARTAS MOJADAS

CARTAS MOJADAS, de Paula Palacios, vén de ser recoñecida cunha medalla CEC á Solidariedade, un recoñecemento que se suma á nominación aos premios Goya na categoría de Mellor película documental. Desde Lesbos ata Libia, a cinta percorre a ruta máis perigosa da migración, a de Libia, e amosa a traxedia que pasan miles de persoas para chegar a Europa, onde os espera o abandono e o desprezo.

2

O debate sobre a LEI TRANS recrudeceu logo de presentarse o seu borrador a comezos de febreiro. O texto contou coa participación activa da Asociación Arelas (entrevista no núm. 1021) e de Miguel Vieito, xurista e colaborador con diferentes asociacións de persoas trans (entrevista no núm. 986). A controversia xira, entre outros cousas, no dereito á autodeterminación de xénero, algo que, lonxe de ser unha novidade, xa se recoñece en nove países europeos, segundo a asociación Transgender Europe.

LEI TRANS

3

NORMALIZAR OS DEREITOS

Ponse en marcha a segunda fase da campaña NORMALIZAR OS DEREITOS. A través dela, varias organizacións do ámbito social denuncian como a “nova normalidade” está a normalizar a violencia estrutural contra as persoas máis vulnerables (cortes de luz, desafuizamentos, labirinto telemático para solicitar axudas…) e moi especialmente contra as persoas inmigrantes, polo que esixen a súa regularización incondicional e permanente.

4

O CPI O Cruce de Cerceda é, durante este curso, ESCOLA EMBAIXADORA DA UNIÓN EUROPEA, unha distinción que comparten con outros cinco centros galegos. Queren aproveitar para poñer en marcha unha iniciativa popular para que as linguas cooficiais do Estado sexan recoñecidas como linguas oficiais da Unión Europea. Pódese asinar a súa petición na web change.org.

ESCOLA EMBAIXADORA DA UNIÓN EUROPEA

5

CABANIÑAS DO BOSQUE

As CABANIÑAS DO BOSQUE de Outes suman un novo galardón, neste caso o Premio Nacional de Arquitectura 2020, outorgado polo Consello Superior de Colexios de Arquitectos de España. Un recoñecemento merecido para un aloxamento singular, diferente, que se sitúa na contorna privilexiada da ría de Muros e Noia e que fixo da sustentabilidade a base do seu proxecto.

6

A Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas impulsa a campaña NON MÁIS MATILDAS para amosar referentes femininas nas carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas, nas súas siglas en inglés). A iniciativa ten por obxectivo recuperar historias de mulleres científicas que ao longo da historia ficaron no anonimato ou ocultadas polos méritos atribuídos aos seus compañeiros homes.

NON MÁIS MATILDAS

7

O PAZO DE MEIRÁS

O PAZO DE MEIRÁS dá unha volta máis ao anunciar a avogacía do Estado que renuncia a recurrir a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, que rexeita que os herdeiros do ditador sexan posuidores a “mala fe” e confirma o seu dereito a recibir unha indemnización polos gastos contraídos desde 1975. O BNG denunciou o tufo franquista da decisión e esíxelle á Xunta que presente recurso.

8

Un accidente nun taller de confección clandestino custoulle a vida en Tánxer a 25 traballadores, a meirande parte mulleres. As subcontratas a talleres ilegais ten tal dimensión que se calcula que o 54 % da producción téxtil que se realiza en MARROCOS se fai de maneira clandestina en talleres que non respectan normas de seguridade mínimas e con soldos mensuais de 250 euros por 25 horas de traballos semanais, tal e como vén de denunciar a ONG Roupa limpa.

MARROCOS