1
O Instituto Galego de Terras Comunitarias (Ingateco) e a Organización Galega e Comunidades de Montes (ORGACCMM) elaboraron unha UNIDADE DIDÁCTICA SOBRE O MONTE VECIÑAL que poñen a disposición de quen a solicite. O texto, que serve como guía tamén fóra do ámbito do ensino regrado, foi elaborado para lle pór fin ao descoñecemento sobre o monte veciñal en man común e as comunidades de montes (concepto, xestión, usos etc). Contacto: comunicacion@orgaccmm.gal
2
Unha das consecuencias máis negativas do coronavirus recaeu sobre o tratamento do CANCRO INFANTIL. A falta de persoal, de recursos xerais e de investigación para a enfermidade viuse agravada coa chegada da pandemia. Parte do persoal sanitario foi recolocado de xeito temporal (ou contaxiouse co virus), houbo atrasos nos diagnósticos e problemas no acceso aos medicamentos polas restricións e os bloqueos. A proposta das expertas: traballo en equipo, comunicación, colaboración e seguridade.
3
RIACE é unha vila calabresa acolledora e resistente fronte ás leis antiinmigración que loitou por dar teito, formación e traballo a persoas refuxiadas migrantes. O seu alcalde, Mimmo Lucano, foi condenado en 2021 a 13 anos de prisión e ao pago de 700.000 € de multa por incumprimento da lexislación italiana en materia de inmigración. Riace converteuse no símbolo europeo de loita contra as leis que deixan morrer no mar as persoas que chegan ás costas de Europa.
4
No concello de Vigo, a construción da VIA BEMBRIVE-BEADE esperta, ao igual ca outros proxectos similares, a oposición política e a da veciñanza. A vía, que pasará por Castrelos e Matamá suporá a afectación de casas (unhas serían derrubadas e outras quedarían á beira da vía) e a destrución de bosques, regos, carreiros e da paisaxe rural de Vigo. As imaxes dalgún dos lugares afectados pódense ver no blog ollarpolafiestra.blogspot.com
5
O FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN convocou en febreiro unha concentración en Compostela para evitar a deportación a Turquía dunha muller kurda que leva sete anos residindo en Galicia. As accións desenvolvidas conseguiron o seu propósito, e finalmente a Audiencia da Coruña aceptou un recurso recoñecendo o seu arraigo social, polo que foi liberada no aeroporto de Barajas. A deportación suporíalle serios problemas, xa que foi presa en dúas ocasións por motivos políticos.
6
Un grupo de organizacións sociais, agrupadas baixo a denominación ESENCIALES impulsan unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para promover a regularización extraordinaria de persoas migrantes no Estado español. “Esenciales” presenta un texto que procura o máximo consenso posible para ser aprobado, segundo din, por unha gran maioría social. A recollida de sinaturas ten previsto realizarse ata o mes de agosto. Máis información: esenciales.info
7
A media hora en transporte de Leningrado, na localidade de Kudrovo, construíuse en 2015 unha edificación xigante na que viven entre 18.000 e 20.000 persoas. O inmoble atraeu varios negocios de todo tipo nos locais dispoñibles, e hai quen mesmo comenta que non é preciso facer vida fóra desta colmea, onde o patio se usa como aparcadoiro de grandes dimensións. Todo moi lonxe da vida que nos propón o protagonista da seguinte Peneira…
8
O cura de Lier, Louseiro, Calvor, Toldaos, Monseiro, Castelo dos Infantes e Seteventos (Sarria) LEOPOLDO SANMARTÍN, é o autor dun calendario no que comparte sabedoría sobre cando é mellor realizar os distintos labores agrícolas segundo a fases da lúa, ademais de sinalar onde toca misa. Coñecedor das distintas especies de flora e dos seus usos, colleita especies silvestres e practica a permacultura imitando os ritmos da natureza, da que lle fascinou a súa sabedoría.