1

A editorial Galaxia ven de presentar o libro de MANUEL PÉREZ RÚA: Galicia, 1981-2021. Autonomía, sociedade e cultura, no que se afrontan mediante un diálogo con Xosé Luís Barreiro e Ramón Villares os cambios acontecidos neses 40 anos en Galicia. Na obra atópase debate, crítica, controversia e historia do noso devir máis próximo no tempo nunha etapa na que coincidiron transformacións profundas no eido socioeconómico e mais na política.
2
O vindeiro 16 de marzo terá lugar na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais de Santiago a 10ª Xornada Interdiocesana de Pastoral Penitenciaria de Galicia baixo o título: A ESTANCIA EN PRISIÓN E AS SÚAS CONSECUENCIAS. Prisonización e Saúde Mental. Celébrase en horario de mañá e tarde, contando coa presenza de varios ponentes que falarán sobre o proceso de prisionización e a abordaxe da doenza mental no sistema penitenciario.

3

A USC desenvolve a través dun dos seus grupos de investigación do Campus Terra de Lugo un proxecto que ten como obxectivo revalorizar a gandería extensiva en zonas de montaña a fin de preservar a biodiversidade. Iniciado no 2022, o proxecto RURALtXA! recolle actividades diversas, dende a cartografía e a descrición de actividades de montaña en Galicia e Euskadi, ata a execución de plans de manexo que inclúen recomendacións de xestión ecolóxica e seguemento de evolución de hábitats.
4
THE RAPANTS son unha banda de música “Indie” e “Garage” que asomou por Muros aló polo ano 2018. Din querer levar “bo rollo” aló onde chegan cos seus directos cargados de enerxía. Van presentar no mes de marzo en Santiago a súa terceira proposta musical en forma de disco: LA MÁQUINA DEL BUEN ROLLO, tendo previsto actuar tamén con posterioridade no SonRías Baixas ou no Ouren Sound Fest.

5

Outra lectura que traemos desta volta é Feminismo en cen palabras, de LUCA CHAO, editado por Galaxia. Trátase dun achegamento básico aos conceptos que conforman o Feminismo, tentando facilitar a súa comprensión e invitando a ampliar este punto de partida accedendo aos textos das autoras que nel se mencionan. Luca Chao é especialista en migracións internacionais e doutora en Ciencias Sociais e do Comportamento.
6
Das nove candidaturas galegas que optaban aos PREMIOS GOYA 2024 foron premiadas dúas: a actriz revelación, Janet Novás, bailarina que se estreou como actriz no filme O corno; e Chelo Loureiro, por To bird or not to bird, que foi premiada como mellor curtometraxe de animación. Tamén estaba nominada María Vázquez como mellor actriz protagonista por Matria, Xoel López para a mellor canción, o director Álvaro Gago (Matria) e outras nominacións nos apartados de longametraxe de animación, perruquería e maquillaxe, e dirección de arte.

7

O balanzo do primeiro ano de goberno de LULA DA SILVA revela a mellora da economía do Brasil malia a forte oposición tanto no Congreso como nas rúas dos partidarios de Bolsonaro. As análises políticas resaltan unha forte polarización da sociedade na que a identidade de cada grupo importa máis que os propios resultados económicos. A Bolsa sube e o real faise forte fronte ao dólar, mais algunhas leis e avances son vetados. Porén, agárdanse datos positivos para o ano 2024.
8
Na parroquia de Goá, en Cospeito, está en plena actividade o MUÍÑO DO FROUSEIRO quen o seu propietario, Jesús Engroba, pon a dispor de quen quixer seguir explotándoo en alugueiro. Data do século XVIII, e foi restaurado hai 5 anos malia que a súa maquinaria é a mesma dende hai cen anos. Moe distintas fariñas: trigo, centeo, espelta ou de Callobre e Caaveiro, permitindo que cadaquén leve o seu propio cereal para moelo.
