1

Xa se poden contar datos que permiten comparar os resultados financeiros obtidos pola banca convencional e pola BANCA ÉTICA. O Informe sobre as finanzas éticas en Europa evidencia que a Banca Ética é máis solvente e igual de rendible ca a tradicional. Ademais, resiste mellor, especialmente en épocas de crise, e consegue unha gran solidez patrimonial, o que lle permite conceder un gran número de créditos, en especial aos sectores economicamente máis febles.

2

Tan só un 16 % dos apelidos galegos actuais presentan a súa forma deturpada por efecto do fenómeno da castelanización, mais son os máis abondosos. Un instrumento deseñado pola RAG permite, dende xaneiro, comprobar cal sería a súa forma propia e poder restituíla. Trátase da GUÍA DE APELIDOS GALEGOS, coordinada por Ana Boullón, que acompaña outras dúas ferramentas de gran utilidade: a Guía de Nomes Galegos e o Dicionario de Apelidos Galegos, no que a Academia segue a traballar.

Ana Boullón na presentación páxina guía de apelidos galegos

3

Mohamed Safa
MOHAMED SAFA é un oftalmólogo palestino que reside dende hai moitos anos en Corcubión. Activista pola causa palestina e autor de varias publicacións sobre a súa terra, dedica tamén tempo a poñer luz a través de charlas e encontros públicos sobre a realidade do conflito palestino. Safa pon o foco no carácter colonial da ocupación de Palestina por Israel e no interese dos países occidentais en controlar a zona e as rutas comerciais que transcorren polo mundo árabe a través daquel Estado.

4

A falta de regulación do prezo da vivenda e da adopción de medidas públicas que garantan a protección dese dereito básico produce un fenómeno nas cidades máis poboadas que se deu en chamar XENTRIANSIEDADE. Este neoloxismo refírese á incorporación de construcións “espectaculares” e mesmo de novas zonas verdes que son rexeitadas por parte da súa poboación, xa que atraen nova veciñanza e visitantes de poder adquisitivo máis elevado, subindo os prezos e expulsando os máis febles dos seus propios barrios.
Cartel película documental SITIO DISTINTO

5

Cartel película documental SITIO DISTINTO

Un documental do ano 2017, SITIO DISTINTO, dirixido por Davide Cabaleiro, nárranos os 120 anos de historia da migración galega a Euskadi e os lazos que creou a convivencia das dúas culturas minorizadas. As primeiras ondas migratorias de finais do século XIX tiñan como destino as minas de ferro. Despois viñeron a pesca e a industria, ata chegar á convivencia actual dos dous pobos, compartindo música, literatura, vida social e cultural. Pódese atopar na páxina web da televisión vasca (www.eitb.eus/es).

Imaxe: numax.org

6

NOA SOBRINO LAMAS autodefínese como “Piliqueira. Filla do Luís Moreno de Souteliño, neta da Irene. Unha copia da miña mai”. Filóloga de Laza, realizou xunto con Sabela Salgueiro e Desiree Álvarez un traballo de investigación sobre as figuras tradicionais do Entroido e os estereotipos de xénero. Con 16 anos, Noa xa escribira un poema para explicar por que as mulleres de Laza non poñían o Peliqueiro e no que honraba todas as peliqueiras “que non se deixaban cohibir”.

Noa Sobrino Lamas

7

Ilustración un mozo diante dun computador
As REDES SOCIAIS CIENTÍFICAS son plataformas de internet nas que as persoas que se dedican á investigación poden intercambiar traballos, difundir e visibilizar o seu labor científico. Teñen milleiros de persoas usuarias e traballan dende unha óptica colaborativa, non competitiva. Tres delas son, por exemplo, Academia.edu (a máis seguida), ResearchGate e Mendeley. Moitas científicas e científicos galegos teñen traballos moi interesantes en redes científicas de acceso gratuíto.

8

A ASOCIACIÓN GALEGA DAS CASTIÑEIRAS E DOS SOUTOS (AGACAS) naceu para defender e promover os intereses do sector da castaña en Galicia. A entidade procura a defensa e rehabilitación dos soutos e a promoción de novas plantacións, así como o seu consumo. Actúa como canle de comunicación entre universidades, técnicos, administracións, produtores, propietarios e persoas interesadas no sector. En AGACAS asesoran sobre todo o ciclo da castaña, dende o inicio dunha plantación ata a súa comercialización.

castañas