1
A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo) denuncia o peche do servizo de COIDADORAS DE BARRIO, formado por 47 persoas que acompañan a xente maior ou dependente nas súas tarefas diarias: facer a compra, ir ao médico, facer xestións… O programa naceu no ano 2008 e vense prestando mediante un convenio do concello coa Fundación Érguete. A ODS-Coia reclama non só a súa recuperación senón tamén que se xestione, sen intermediarios nin concursos, desde os servizos sociais municipais.
2
VINTE COMPAÑÍAS son as responsables dun terzo das emisións de gases de efecto invernadoiro da era moderna. Chevron, Exxon, BP e Shell encabezan unha lista na que doce son empresas de propiedade estatal. Richard Heede, autor do estudo e principal autoridade mundial sobre o papel do petróleo na crise climática, pide afastar o debate político da responsabilidade individual e poñelo nas empresas responsables das emisións.
3
Coa chegada da choiva e o frío, é un bo momento para a CREACIÓN LITERARIA e para participar nalgún dos moitos certames que se organizan no noso país, como o “XLV premio de narracións breves Modesto R. Figueiredo”, que organiza a Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de Ribeira. Quen se anime, ten de prazo ata o 20 de novembro para presentar a súa obra.
4
A asociación BOA VIDA de Pontevedra acaba de poñer en marcha unha campaña de recollida de fondos para unha nova furgoneta, logo de que a anterior fose roubada e aparecese calcinada ás aforas da cidade. Con case unha década de historia, Boa Vida centra a súa actividade na loita contra a pobreza e a exclusión social. A furgoneta víñase usando para a recollida e distribución de materiais que logo venden na súa tenda solidaria. Quen queira, pode achegar o seu gran na conta ES07 2080 5480 9830 4012 9689.
5
Os concellos da Mancomunidade de Ordes comprometeron, ante o colectivo Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas, o seu rexeitamento aos megaproxectos industriais de PARQUES EÓLICOS e as novas liñas de alta tensión na comarca. Solicítaselle á Consellería de Industria que exclúa a comarca de Ordes das áreas de desenvolvemento eólico. Os muíños planificados serían os máis altos de todo o Estado (máis de 200 metros) e poñerían en perigo os intereses económico-sociais dunha zona considerada pola propia Xunta como de especial interese agrario.
6
Tamén na Terra Chá, os rexedores do PP e PSOE puxéronse de acordo para rexeitar os PROXECTOS MINEIROS da empresa norueguesa Erimsa. Igual ca no caso de Ordes, témese que estes proxectos poñan en risco a dispoñibilidade de terras para as explotacións e provoquen a degradación dos chans dedicados ao pasto. O conflito remóntase ao 2006, cando se aprobaron tres concesións mineiras de explotación de seixo que afectaban, maioritariamente, aos concellos de Castro de Rei, Cospeito e A Pastoriza.
7
Cando aquí o curso xa vai na metade do primeiro trimestre, en África cerca de dous millóns de nenos e nenas non están escolarizados. Atópanse, sobre todo, en rexións en conflito do centro e do occidente do continente, onde na primeira metade deste ano se pecharon máis de 9 000 escolas, o triplo ca en anos anteriores. Máis alá do peche, UNICEF denuncia que está xurdindo unha crecente hostilidade cara á EDUCACIÓN por parte dos grupos belixerantes.
8