1
Durante o confinamento pola pandemia agromaron iniciativas xeitosas, como a de RAPOSEIRAS EDITORIAL, na que son protagonistas o deseño e a arte. Editan libros temáticos (non só) para nenas e nenos desde a filosofía do “aprender facendo”, estimulando a curiosidade e o coñecemento e deixando voar a imaxinación entre libros de pintura, música, literatura e fotografía. En Raposeiras apoian o binormativismo e editan os materiais en galego RAG e internacional, ademais de en inglés e castelán.
2
Os escritores chairegos Xosé Miguel Barrera e María Xosé Lamas promoven unha iniciativa para que lle sexa outorgado o nome de MANUEL MARÍA á Casa da cultura de Vilalba. Lembran na súa proposta que “o cantor da Terra Chá” elixiu a vila para pronunciar o seu discurso académico de ingreso na RAG, como tamén a dedicatoria do Día das Letras Galegas de 2016 á memoria de quen deixou escrito: “Eu amo unha Terra Chá humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei”.
3
SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos) estrea nova páxina web: http://editorialsept.gal. A editorial fundouse no ano 1966 en Compostela co obxectivo de editar, vender e difundir publicacións de carácter relixioso, social e económico, así como promover traducións, estudos e traballos complementarios en galego. A súa obra máis importante foi a edición da Biblia en 1989. O seu traballo é esencial na normalización da nosa lingua na Igrexa.
4
SALVEMOS A COMARCA DE ORDES son un grupo de veciñas e veciños preocupados polas ameazas ao medio que sofre a súa comarca. En agosto reuniron máis de 1 000 alegacións contra a ampliación de Gesuga, xestora de subprodutos cárnicos, e agora estanse a mobilizar contra a tramitación dun macroparque eólico na comarca (catro diferentes, segundo a promotora). Afirman que dividir o proxecto en tramos pequenos ten como obxectivo facilitar a súa tramitación e evitar a análise ambiental.
5
XA NOS TES AQUÍ é un blogue de catequese e música popular litúrxica en galego no que Nuria M. Núñez, a súa responsable, publicou a versión en galego da carta encíclica Fratelli Tutti do Papa Francisco sobre a fraternidade e a amizade social, que pon a dispor da comunidade.
6
O pasado outubro rexistrouse o Sindicato de Traballadoras do Fogar e os Coidados (SINTRAHOCU), despois de varios anos de traballo en común pola dignificación deste sector, que ocupa a máis de 600 000 mulleres en España, moitas delas migrantes. Queren fortalecer a súa rede de apoio, visibilizar a súa situación e participar na negociación colectiva e institucional das súas condicións de traballo. Tamén loitarán pola derrogación da Lei de Estranxería e pola súa inclusión na normativa laboral xeral.
7
A Asociación O CAMIÑO DOS FAROS deixa de ser promotora do proxecto de homologación dese camiño como Ruta de gran distancia diante das trabas que, segundo din, lles pon a Administración. En diante non realizarán labores de sinalización nin pedirán o seu acondicionamento. Deixan como legado unha ruta de sendeirismo de 200 km que ten recoñecemento internacional, pero sobre todo o apoio e a implicación dos nove concellos que atravesan e da poboación, moi identificada co proxecto.
8
Margarida Ledo Andión di de NACIÓN, o seu último filme, que “trata do moito que tardamos as mulleres en termos dereitos, non só en votar, senón en accedermos ao traballo asalariado e á posibilidade de sermos independentes. En resumo, de sermos nación”. A directora narra a historia dun grupo de mulleres na fábrica de cerámica A Pontesa, xa pechada, e de como cambiou as súas vidas o acceso a un traballo na industria aló polos anos 50. A banda sonora do filme foi composta por Mercedes Peón.