1
NOSOTRAS EN LIBERTAD é un proxecto do que agromou un libro colectivo creado por presas políticas do cárcere de Villa Devoto (Arxentina). As súas autoras foron mulleres activistas nos anos 70 en comunidades de base, organizacións campesiñas, equipos de investigación e en toda a sociedade. No medio da pandemia comezaron a tecer os relatos ao redor da súa vida en liberdade como resposta a aquel xefe de seguridade do penal que lles berraba: “De acá salen locas o muertas!” (nosotrasenlibertad.com).
2
A Asociación Encrucillada organiza dende 1994 a ESCOLA DE ESPIRITUALIDADE, coa pretensión de axudar á promoción dunha fe que alimente a propia vida e fomente o compromiso. O ciclo de formación estrutúrase ao longo de catro anos e pretende vivir a fe dun xeito renovador, converterse nun espazo no que compartir experiencias e, de cara á comunidade, reforzar a participación e o compromiso nas parroquias e asociacións. Este ano a Escola recupera o modo presencial.
3
100 anos despois de que se izara por primeira vez de xeito oficial unha bandeira galega na Coruña, o PROXECTO ESTRELEIRA pretende rodear o vindeiro 21 de novembro a muralla de Lugo con bandeiras do país baixo o lema “Somos umha naçom”. A preinscrición xa está aberta. Pódese participar de modo presencial, cun apoio económico, loxístico ou que cada quen participe como mellor o considere. O Proxecto Estreleira naceu en xuño deste ano como iniciativa para a difusión dos símbolos do país.
4
ALIENTE (Alianza Energía y Territorio) é un colectivo estatal que forman 182 entidades (entre elas, varias galegas) para promover unha transición enerxética xusta, que defenda o territorio e poña a biodiversidade no centro. O 16 de outubro máis de 15.000 persoas secundaron a súa convocatoria de manifestación en Madrid (“Renovables si, pero non así”), onde lles expuxeron a súa postura a representantes políticos, avalada cientificamente, así como unha proposta alternativa de transición enerxética.
5
A Coordinadora Galega de ONGD e AGARESO promoven a colección de libros “DEFENSORAS DE DEREITOS”, dirixida a mozas e mozos. Estreouse con tres libros da escritora Lara Dopazo Ruibal e as ilustracións de Marta Conde e Rotmlnas. Tres mulleres activistas –Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc, de Honduras, México e Guatemala– son as protagonistas duns textos que xiran ao redor da defensa dos dereitos humanos e o territorio.
6
Algo cheirabamos, pero xa o confirmou Henrique Monteagudo, sociolingüista e membro da RAG, nun estudo recente en Ames: “O MEDIO ESCOLAR non é amigable para o galego, é hostil”. As medidas neste eido non teñen bos resultados e, segundo Monteagudo, os centros de ensino non lle ofrecen á mocidade galegofalante o ambiente adecuado para desenvolver competencias e provocan a retracción das capacidades comunicativas, ao tempo que tampouco lles facilitan aos castelanfalantes que as adquiran.
7
ROGELIO SANTOS QUEIRUGA é un mariñeiro do Porto do Son que, móbil en man, deixa constancia do respecto e do amor que lle ten ao seu oficio. Rogelio colga nas redes as fotos e os vídeos que grava cando vai pescar, nos que ensina especies mariñas e aporta información sobre o que se debe e non se debe facer cando de convivir co mar se trata. As súas historias xa saltaron a terra e colabora con centros de ensino e mesmo coa televisión na súa teima de coidar o mar.
8
Unha nova asociación, a de ASESORES RURAIS DE GALICIA, acaba de nacer coa pretensión de facer de ponte entre as persoas que viven no rural e as administracións con competencias neste eido. Propoñen articular a súa actividade a través da creación de espazos de traballo e debate, participar en foros sectoriais, de formación e apoio etc. Está aberta á participación de quen quixer a título persoal e pretende funcionar como entidade colectiva que abranga diversos sectores profesionais.