1
A COMUNIDADE DE MONTES DE GONDOMAR desenvolve un proxecto de transformación do monte que xa tivo varios recoñecementos internacionais e que se basea na preservación das especies de árbores frondosas autóctonas, das que tamén obteñen rendemento económico. Un dos proxectos que sostén a comunidade é a produción de shiitake, o cogomelo de orixe xaponesa, ao que engadiron o cultivo de framboesas, arandos e grosellas ecolóxicos.
2
María Pérez e Sara Faro embarcaron xuntas nun proxecto musical ao que chaman FILLAS DE CASSANDRA. A formación en música clásica dunha delas e en música tradicional da outra, xunto coas achegas de Berto, do lado da electrónica, viñeron dar nun álbum, Acrópole, do que xa están anticipando algún tema antes da súa presentación, en febreiro. Neste traballo tentan revisar as heroínas da mitoloxía clásica, conectando os relatos coas súas vivencias actuais como mulleres galegas.
3
NEOFALANTES.GAL é un proxecto web que se desenvolve dende a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, dirixido principalmente (pero non só) á comunidade universitaria, a través dun gran portal web de carácter informativo e social. Os seus obxectivos xiran ao redor da dinamización da lingua galega mediante distintas accións (creación de contidos, tecido de redes, difusión…) dirixidas a persoas neofalantes.
4
Máis de 10 anos levan no CIAG (Centro Infográfico Avanzado de Galicia) recreando de xeito dixital edificios galegos desaparecidos. Co seu labor queren contribuír á divulgación e preservación cultural do patrimonio arquitectónico histórico de Galicia e crear conciencia sobre aqueles edificios que desapareceron ou foron transformados. Publican os seus traballos en Facebook, Twitter e Instagram.
5
A autorización para a construción do PARQUE EÓLICO DO ORIBIO queda definitivamente anulada tras a sentenza ditada polo Tribunal Superior, quen ratificou outra anterior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os tribunais entenden caducado o preceptivo permiso ambiental que a Xunta e a empresa construtora pretendían facer valer, do ano 2005, e que se dera para un parque que non se iniciara e do que este era unha ampliación.
6
MULLERES CRISTIÁS GALEGAS solidarízase coa causa do pobo iraniano e sinaladamente coas mulleres, colocando a sororidade “por riba das fronteiras, as relixións e os postureos”. A raíz da morte de Mahsa Amini, despois de ser detida pola policía da moral do goberno de Irán, desenvolveron unha acción que se pode visualizar nas redes sociais, na que denuncian a utilización dos corpos das mulleres como corpo de batalla e a opresión que sobre elas exerce o patriarcado.
7
MODEPEN (Movemento Galego pola Defensa do Sistema Público de Pensións) é un colectivo solidario que loita a favor do sistema público de pensións. O seu obxectivo é defender o dereito de todas as persoas xubiladas a unha pensión que lles permita unha xubilación digna. MODEPEN acredita na solidariedade de clase, no apoio interxeneracional e na conciliación da vida laboral e familiar. O 15 de outubro participaron na manifestación estatal do movemento de pensionistas en Madrid.
8
O Papa Francisco recibiu a patronal dos EMPRESARIOS GALEGOS (CEG) e dirixiuse a eles e a outros representantes do sector lembrándolles a necesaria vinculación da economía ás necesidades de todas as persoas, especialmente das que viven en situación de pobreza. Tamén se referiu á liña que a separa das finanzas, das que renega porque con elas “todo se volve líquido ou gasoso” e aludiu á necesaria vinculación da actividade empresarial ao ben común, aos principios éticos e ao coidado da natureza.