1
O EXPLORADOR FORESTAL (forestexplorer.gsic.uva.es) é unha plataforma deseñada polo equipo Linked Forest, vencellado á Universidade de Valladolid, que permite visualizar as masas forestais de calquera lugar do Estado. A través deste programa pódense atopar bosques, as especies que os compoñen e as súas características, a extensión que ocupa unha especie en particular, ou mesmo buscar datos por provincias ou dun lugar en particular.
2
IRIA ALDEGUNDE adaptou á banda deseñada as Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. No seu traballo utiliza a técnica do gouache e inspírase e documéntase en diferentes lugares e persoas, dende o Museo do Pobo Galego ata as fotografías de Ruth Matilda Anderson e as conversas co seu avó. Iria pretende, con esta obra, seguir transmitindo unha historia “de antes” tinguida de sentimentos atemporais (Ed. Galaxia).
3
O pasado 27 de outubro presentouse en Compostela a ASOCIACIÓN GALEGA DE PROFESIONAIS DA TERAPIA DO REENCONTRO (TRG), despois de varios anos de “traballo comunitario e coidadoso”. No acto participou a creadora da Terapia do Reencontro, Fina Sanz Ramón, e a coordinadora e socia fundadora da asociación, Tareixa Ledo Regal. A Terapia do Reencontro é un modelo integrador que comprende a psicoloxía, a sexoloxía e a educación para a saúde cunha perspectiva de xénero, clínica e comunitaria.
4
O emprego da MADEIRA vai gañando terreo en Galicia, na construción de obra pública (centros de saúde, espazos de deporte e de usos sociais) e na vivenda privada. A aparición da madeira contralaminada, produto de uso estrutural en edificios, no canto do formigón e dos ladrillos, vaise abrindo paso, axudada pola súa resistencia, durabilidade e capacidade de illamento. A madeira é un material renovable, cunha clara vantaxe ecolóxica, fronte aos materiais empregados habitualmente no sector.
5
“Fronte á cultura da cancelación, as bibliotecas son un antídoto contra a amnesia”, di BENITO MÉNDEZ, canónigo catedralicio, profesor e impulsor dunha nova biblioteca pública que aínda non ten data de apertura, pero que quere ser un servizo da Diocese á promoción da cultura en Ferrol. Conta xa con importantes doazóns e instalarase cerca da universidade, posiblemente en Esteiro. Polo de agora, estase acondicionando a antiga igrexa do barrio para acoller os seus libros e mesmo podería chegar a sé definitiva unha vez restaurada.
6
Ía para concertista de piano, prendeu no xornalismo e deixou leccións de música, literatura e de vida. RAMÓN CHAO, moi coñecido e admirado no París que o acolleu, non recibiu en Galicia todo o recoñecemento que o seu legado merece. Para axudar a virar esa realidade, Aser Álvarez trata a súa figura nun documental, “O camiño de Ramón Chao”, no que o fío condutor é unha viaxe en Vespa a Compostela para contar a historia de Prisciliano, de quen pensaba que fóra inxustamente tratado.
7
Segundo unha circular do pasado 11 de outubro da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), nas vindeiras probas da ABAU, “las preguntas sobre historia de la lengua se centrarán en el gallego después de su oficialización en 1981”. Esta limitación supón que non se poida indagar sobre a represión da lingua durante o franquismo. O cambio fundaméntase na modificación dos contidos do bacharelato en Galicia, que, non obstante, nada din da obriga de centrarse unicamente nos últimos anos da historia do galego.
8
O proxecto ORGULLO GALEGO (orgullogalego.gal) ofrece a posibilidade de acceder a un listado no que recolle, ordenados alfabeticamente, grupos e solistas galegos, co obxectivo de divulgar e pór en valor a música galega en todos os seus estilos. Ao carón de cada un deles figura a indicación do xénero musical principal da súa música. A lista está aberta á participación de quen o desexe, para podela completar con novas incorporacións.