1

Unha sesión de contos nos que se narraban as vivencias de mulleres que vivían soas, e que derivou logo en podcast, rematou por estrearse en formato de teatro documental no pasado Festival Internacional de Outono de Carballo. Paula Carballeira, María da Potragha e Vero Rilo (Berrobambán) presentaron en clave de comedia MULLERES que viven soas, na que amosan distintas maneiras de sentir a soidade.

2

Ata o século XV, en Galicia os documentos escribíanse en galego. A partir do século seguinte, os notarios pasaron a escribir os textos en castelán e, como resultado diso e da castelanización dalgúns apelidos tamén nas inscricións nalgunhas parroquias, perdéronse as formas orixinais de moitos deles. O proxecto da USC Cartografía dos Apelidos de Galicia, coordinado por Ana I. Boullón e Xulio Sousa, ofrece información sobre a frecuencia e distribución dos apelidos en Galicia na súa páxina web: https://ilg.usc.es/cag.

apelidos

3

Logo FEG
A certificación FSC acredita que a madeira que a posúe provén dunha xestión forestal sostible, viable, responsable e socialmente beneficiosa. En Galicia, a entidade EGS é a encargada de velar polo cumprimento dos seus criterios e indicadores. Neste marco, a Federación Ecoloxista Galega (FEG) solicitou a suspensión do certificado e a prohibición de uso do selo nos produtos elaborados a partir da madeira de eucalipto de EGS, denunciando fraude masivo na certificación de milleiros de monocultivos.

4

Os datos de mobilidade en Galicia confirman unha tendencia nas cidades que se vén rexistrando desde hai anos: cada vez se matriculan MENOS COCHES e tamén hai menos persoas que obteñen o permiso de conducir. No rural, con todo, acontece o contrario, e segue a medrar o número de vehículos particulares, imprescindibles para acceder a moitos recursos. A mellora do transporte público nas urbes e a falta dun modelo axeitado no rural semella ser unha das causas.

Imaxe: bytic.es/
Persoas en autobus

5

Campo con verduras
Segundo datos de investigadoras do centro público de investigación CREAF, para o ano 2050 o 90% dos terreos agrícolas estarán degradados. Os métodos convencionais, baseados no uso intensivo do chan, de maquinaria pesada, petróleo e agroquímicos, empobrecen a diversidade e eliminan a cuberta vexetal. Como alternativa, propoñen a agricultura rexenerativa, que procura restablecer a saúde e a fertilidade do chan cun modelo que incorpora o coñecemento científico e prácticas respectuosas con el.

6

A última enquisa do IGE sobre o uso do galego amosa que, por primeira vez na súa historia, o galego non é a lingua máis falada no país. As advertencias sobre a caída no seu uso non tiveron o efecto desexado. Entre as causas, sinálanse os efectos negativos dos case quince anos de vixencia do Decreto de Plurilingüismo na escola, a desaparición do galego do ocio, da administración de xustiza e do eido empresarial. A Xunta, pola súa banda, fala do aumento da poboación inmigrante como causa.

Manifestación eu quero o galego

7

Flores nun campo
ADEGA informa que, segundo datos da USC, queda acreditada a presenza no territorio onde se pretende instalar a macrocelulosa de Altri de catro especies de plantas ameazadas, algunhas únicas no mundo. Doutra banda, diante da negativa da Xunta a considerar as alegacións presentadas por milleiros de persoas, segundo argumenta, pola súa falta de interese lexítimo, as Plataformas Ulloa Viva e en Defensa da Ría de Arousa convocaron unha nova manifestación para o 15 de decembro en Compostela.

8

A plataforma de contidos dixitais da TVG estreou en outubro Recollendo músicas, un formato que explora ao longo de 10 episodios a visión que outras tantas músicas e formacións galegas teñen sobre a influencia da música tradicional nas propostas musicais actuais. Belém Tajes, Comando Curuxás, Alana, Nebra, Breo, Lontreira, Moura, Abril, Carme López e Carabela aparecerán cada semana ao longo da primeira tempada desta nova proposta.

cartel recollendo músicas