1

O QUE ARDE (Óliver Laxe) é unha das 46 candidatas para os Premios do Cine Europeo, cuxos gañadores se coñecerán en decembro. O filme, premiado en Cannes, chegará ás salas o 11 de outubro. A película está ambientada nos Ancares e ten como protagonistas a Amador, que acaba de saír de prisión, e a súa mai.
2
Nace a plataforma ‘Salvemos o IRIBIO’ co obxectivo de “defender a serra courelá das instalacións eólicas”. A entidade, composta inicialmente por unha vintena de colectivos, lembra que a lei prohíbe a instalación de novos parques eólicos en zonas de Rede Natura 2000.

3

O barco Tara chegou ao Delta do Ebro. A súa misión é analizar a contaminación fluvial dos principais ríos de Europa e así darlles resposta ás incógnitas que se nos abren sobre a capacidade dos MICROPLÁSTICOS, partículas menores de cinco milímetros, que poden viaxar por todo os océanos do mundo transportando microbios e entrando na cadea alimenticia dos seres vivos.
4
A nova tendencia de Suecia chámase köpskam, vergoña de mercar e está centrada fundamentalmente no sector da moda polo seu alto custo ambiental. Segundo Nacións Unidas, a industria da moda provoca máis EMISIÓNS de carbono que todos os voos e envíos marítimos internacionais. O comercio de roupa de segunda man está en alza no país nórdico.

5

MUUHLLOA é unha nova aventura empresarial que une a Granxa Maruxa e Milhulloa, ambas empresas con raigame ulloense. Está composta por cinco mulleres que apostan polo rural galego e producen cosmética con produtos ecolóxicos. Parabéns, Muuhlloa.
6
Despois dun ano de traballo chegou o momento de presentar un novo proxecto teatral, PÍNCONÚS Teatro, no que andan metidos José Campanari, Marga Portomeñe, Ana Carreira Varela, Carlos Iglesias Rebolo e Carlos Coira Nieto. O 16 de novembro preestrea en Itaca Teatro, Lugo, a obra homónima, unha comedia musical para toda a familia.

7

Desde hai xa uns anos o LEITE e os seus derivados seguen sendo motivo de continuas investigacións sobre as súas calidades nutritivas. Cada vez son máis os estudos que reivindican o papel da graxa láctea para conseguir unha dieta equilibrada. Na foto, queixos na feira de Friol.
8
No outono, retomamos ‘Clases de Biblia’, da man experta de Xoán Carlos Rodríguez Herranz. Cada segundo sábado de mes, comezando o 19 de outubro ás 11:00h, no edificio coñecido como ‘Torre dos Mestres’ na rúa Juan Florez, na Coruña. Estes “SÁBADOS BÍBLICOS” remataremos co caderno de José I. Fauss: Servir. A loita pola xustiza nos “poemas” de Isaías. E continuamos co último capitulo do libro de Rafael Aguirre: Memoria de Xesús e os cristianismos das orixes; que é toda unha unha xoia. As clases son gratuítas e libres para quen lle interese. Para máis información no teléfono: 645 248 749
