1

ADEGAS DA MEMORIA

ADEGAS DA MEMORIA é un proxecto audiovisual do Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá que quere dar voz a esta comunidade tradicional da Ribeira Sacra e ofrecer un estudo científico sobre o territorio e as súas orixes. Trátase dunha serie de catro capítulos emitidos en Internet, a través da plataforma Vimeo, na que queren expresar a loita contra a súa desaparición, a turistificación e a intención de quedar só nunha marca, baleirada de contido cultural e humano.

2

O PAZO DE MEIRÁS non é propiedade dos Franco, segundo a sentenza ditada por un xulgado de primeira instancia da Coruña, o que obriga á súa devolución ao Estado sen dereito a indemnización polos gastos de mantemento alegados pola familia. A maxistrada expón que houbo unha doazón fraudulenta cunha simulación posterior, xa que a doazón fíxoselle a Franco como Xefe do Estado, non en atención á súa persoa, inscribíndoa este con posterioridade como propia.

O PAZO DE MEIRÁS

3

PERSOAS PRESAS

Familiares, amizades, persoas e colectivos solidarios convocaron en setembro unha marcha á prisión da Lama co lema: “Covid, prisión e falta de medios: dobre condena”. O obxectivo é denunciar a situación creada coa covid e demandar solucións á vulneración de dereitos das PERSOAS PRESAS, como a supresión de visitas, das progresións de grao, os confinamentos e a falta de persoal sanitario. Propoñen a excarcelación de persoas vulnerables, mulleres e crianzas e de persoas con enfermidades mentais.

4

As AULAS VIRTUAIS son un problema para moitas nenas e nenos pola insuficiencia de recursos de moitas familias. Esta situación agrávase moito máis en América latina e outras partes do mundo, sobre todo en zonas rurais e con pouca ou nula conectividade. Nalgúns casos, os mestres comezaron a repartir guías de traballo porta por porta ou comunícanse por teléfono, pero hai zonas nas que pola alta incidencia da covid-19 mesmo se perdeu o contacto e miles de escolas pecharon.

AULAS VIRTUAIS

5

TVG

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta nestas datas unha proposición popular no Parlamento galego para que a TVG ofreza unha canle Xabarín Club infantil e xuvenil “con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega”. A ela súmase a campaña emprendida por @tvg_infantil_xa, que nos seus catro primeiros días nas redes acadou 8 000 apoios para conseguir que aumente a oferta da canle pública na nosa lingua. A proposta tamén inclúe unha app con programas e xogos.

6

Mentres esa canle infantil e xuvenil pública non chega, podemos asomarnos a OS ARQUIVOS DA MEIGA (www.osarquivosdameiga.com), que é un foro de Internet no que, sen fins lucrativos, compilan e difunden obras audiovisuais en galego. Alí atoparemos enlaces a series, películas, documentais, animación e programas de televisión en galego.

OS ARQUIVOS DA MEIGA

7

PERSOAS CON XORDEIRA

As PERSOAS CON XORDEIRA engaden ás barreiras habituais que teñen para comunicarse a de non poder ler os beizos das persoas coas que interactúan. En Euskadi están a deseñar unha máscara transparente que poida ser homologada, mais iso só axudaría a atender unha necesidade puntual, xa que a lectura labial tampouco é unha habilidade ao alcance de todas elas. As persoas con xordeira seguen a insistir na importancia que para elas tivo desde sempre a accesibilidade e a comunicación.

8

A MEMORIA DAS MULLERES é un fondo documental, gráfico e audiovisual da historia das mulleres en Pontevedra, creado de xeito colectivo e cooperativo. Este programa acaba de presentar o libro A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo, no que se recolle a vida dunha muller comprometida con Galicia, antifascista, defensora da democracia e da nosa lingua; unha vida moi rica que vai moito máis alá do feito de ser coñecida como a compañeira de Castelao.

A MEMORIA DAS MULLERES