1

RIBEIRA SACRA, SERRAS DE ORIBIO E O CAUREL

Logo dun camiño de catro anos, a UNESCO declarou a RIBEIRA SACRA, SERRAS DE ORIBIO E O CAUREL como nova Reserva da Biosfera, a sexta en Galicia. Exténdese polos Canóns do Sil e polo río Míño ao longo de 23 concellos, nos que residen 75 000 persoas. A Reserva supón que case o 35 % do territorio galego teña este recoñecemento, abranguendo o 42 % da nosa poboación. As súas 306 534,77 hectáreas foron merecentes deste recoñecemento pola súa riqueza cultural e etnográfica.

2

TAPICES DA MEMORIA: NUNCA MÁIS CHAPAPOTE PATRIARCAL” é un proxecto que recupera a memoria da Marcha Mundial das Mulleres no 2003 entre Cee e Fisterra co gallo da catástrofe do Prestige. Inclúe unha exposición con dous tapices de gran formato e un conxunto de paneis, que se poderá visitar na Casa do Arco de Fisterra.

TAPICES DA MEMORIA: NUNCA MÁIS CHAPAPOTE PATRIARCAL”

3

AZUCRE

AZUCRE é unha novela de Bibiana Candia, na que recolle un feito histórico: o engano sufrido a mediados do século XIX por case 2 000 galegos que chegaron a Cuba para “socorrer os desgrazados galegos” e “contribuír á agricultura e ao aumento da poboación branca”, pero que foron escravizados e vendidos como mercancía ata 1855. Nese ano, o goberno viuse obrigado a intervir e puideron rescindir os seus contratos. As cartas pedindo axuda gárdanse no Congreso dos Deputados, con acceso restrinxido.

4

O PREZO DO LEITE en orixe sobe nunha contía insuficiente para cubrir os elevados custos de produción acumulados nos últimos meses, sobre todo pola suba dos prezos dos pensos e da enerxía. Agrupacións e sindicatos do sector lácteo anuncian mobilizacións no outono, se non se cumpre a Lei de Mellora da Cadea Alimentaria, e acusan algunhas industrias de quereren quedar co pequeno aumento do prezo do leite aplicado nalgunhas cadeas alimentarias.

O PREZO DO LEITE

5

ÁBRETE DE ORELLAS.com

ÁBRETE DE ORELLAS.com é un portal web que difunde música e concertos en Galicia. O que comezou da man do seu director, Pepe Cunha, como programa de radio é hoxe un espazo de divulgación de artistas, salas e produtoras do país. Ofrece varias seccións (novas, discos, concertos, crónicas…) e o seu labor foi recoñecido en dúas ocasións nos premios Martín Códax, na categoría de Espazo de comunicación musical.

6

Unha BRAÑA é un terreo húmido (prado ou monte baixo) e tamén a primeira revista científica en galego que dende 1977 edita a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). A súa andaina non foi regular: 18 números publicados ata 2020, que poden consultarse na páxina web da entidade (https://sghn.org/arquivo_xeral/revista-brana/). Na actualidade concíbese como boletín anual de traballos sobre flora, fauna, xea, antropoloxía e arqueoloxía galegas ou escritos por autoras ou autores de Galicia.

BRAÑA

7

SUICIDIO

O pasado 10 de setembro conmemorouse o Día Mundial para a Prevención do Suicidio. Galicia ten a segunda taxa de SUICIDIO máis alta do Estado, despois de Asturias, e é a quinta en cifras absolutas (307 persoas en 2020), mesmo triplicando as mortes por accidente de tráfico. FEAFES Galicia ofrece o espazo conectacoavida.org para aportar información sobre o suicidio e sobre a súa abordaxe: datos, mitos, factores de risco, recursos etc.

8

Xaquín Campo Freire (XAQUÍN DA ROCA) despediuse das parroquias ferrolás de Mandiá e Marmancón despois de 25 anos á súa fronte. Escribiu unha carta aberta á freguesía, na que lle “rende contas” deses anos e lle manifesta o seu agradecemento polo amor recibido.

O párroco e ademais escritor dedica tamén o seu labor ás presas e presos do cárcere de Teixeiro, que describiu como “pórse ao lado do irmán ou da irmá con moita humildade e amor, sen etiquetar a ninguén”.

XAQUÍN DA ROCA