1
A Asociación Cultural Pau de Moca, de Sabucedo, homenaxeou, durante o xantar comunal celebrado co gallo da festa de San Lourenzo, ao filósofo xesuíta MANUEL CABADA CASTRO. O recoñecemento á súa persoa tivo lugar na carballeira do Campo do Medio, acto que el mesmo agradeceu así: “Que Sabucedo e os de Sabucedo vivan sempre, e que sexan moitos os que tanto alí coma no resto do mundo vivan felices, tanto agora coma en séculos vindeiros”.
2
Laura Boubeta e Sara Valcárcel comparten autoría en XE, un álbum dirixido á cativada, que voa ao redor da procura da propia identidade. Na súa obra abordan a realidade das persoas intersexuais e procuran facela visible e achegar a diversidade ás crianzas dende as primeiras lecturas.
3
O SINDICATO LABREGO GALEGO-COMISIÓNS LABREGAS celebrou no mes de setembro o seu 50 aniversario, nunha xornada festiva e reinvindicativa en Encrobas. As intervencións de dirixentes do sindicato fundado en 1973, despois de varios anos na clandestinidade, mesturáronse con música, festa, palestras e alimentos galegos. A formación publicou, a raíz deste evento, un texto no que recolle fitos históricos da loita sindical agraria do país.
4
Outro dos homenaxeados no pasado mes de setembro foi BERNARDO PENABADE, que recibiu o Prémio Meendinho, co que a fundación do mesmo nome recoñece aquelas persoas que destacan na dinamización cultural e lingüística do galego. Bernardo Penabade é o coordinador do Modelo Burela, proxecto que inicialmente perseguía aumentar a presenza do galego na escrita, mais que tamén atinxiu os obxectivos de incorporar persoas neofalantes ao galego e a atención á diversidade a través da inclusión social de persoas migrantes.
5
A Lei de Recuperación das Terras Agrarias recolle un modelo alternativo á concentración parcelaria (as PERMUTAS), que comezou a practicarse en Friol e que se está a estender por outros lugares do país. Na actualidade, hai preto de dúas mil hectáreas en Galicia implicadas neste modelo, que beneficia especialmente as explotacións gandeiras e que se ofrece co atractivo da súa gratuidade, xa que mesmo o Agader asume os gastos que se xeren durante o proceso.
6
Ao igual do que acontece en Suíza, en Bélxica, Canadá, Finlandia ou Israel, no Congreso español xa é posible expresarse en máis dunha soa lingua. O uso do EUSKERA, o CATALÁN e mais o GALEGO non será reprobado na cámara representativa, aínda que a medida non foi adoptada por unanimidade. A aprobación do seu uso no Parlamento europeo requirirá dunha espera máis longa, xa que, nun primeiro paso, só incluirá de xeito oficial o catalán.
7
O inicio do curso escolar trae da man o das actividades de moitas asociacións e entidades que están a protexer e a divulgar en toda Galicia a MÚSICA E A CULTURA tradicionais. Nestas datas, as propostas de cursos de ioga, pilates e taichí comparten carteis en vilas e cidades do país coa pandeireta, o baile tradicional ou mesmo os cantos de taberna. A boa nova é o incremento do número de persoas que participan neles.
8
Hai 90 anos, un matrimonio de arqueólogos alemáns, Georg e Vera Leisner, deron a coñecer as pinturas do corredor e da cámara do DOLMEN DE PEDRACUBERTA (Treos, Vimianzo). Hoxe estase a desenvolver un proxecto para revisar o seu estado. A tarefa, que comezou coa limpeza da contorna, xa desvelou pequenos obxectos como froito das escavacións e conta con atopar as pinturas en bo estado de conservación.