1

O PROXECTO NEO é o resultado en forma de programa de radio da colaboración entre Radio Burela e a área de Innovación Educativa do IES Perdouro. Os seus protagonistas principais son persoas neofalantes, principalmente de Burela. É un proxecto que xira ao redor da interculturalidade e o universalismo, cuxas emisións se poden seguir en directo (1 hora á semana) ou tamén en formato podcast. Está presente tamén en diversas redes sociais.

2

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA publicou un informe (ao que se pode acceder libremente na súa páxina web) moi crítico co proxecto da macrocelulosa de Altri. Ao redor das datas da súa publicación, aconteceron dous sucesos moi significativos: a defensa contundente do xefe de Informativos da televisión pública galega do proxecto de Altri nunha tertulia da CRTVG, e o nomeamento como Directora Xeral de Medio Ambiente da parella dun alto cargo de Ence en Galicia.

Logotipo Altri NON

3

Valo publicitario con slogan: Bienvenidos a Ordenañaba ciudad que gallego se llama Muxía

A loita polo respecto á TOPONIMIA OFICIAL GALEGA comezou coa aprobación da Lei de Normalización Lingüística xa en 1983. O seu artigo 10, que di que os topónimos terán como única forma oficial a galega, ten dificultades aínda hoxe para facerse efectivo en todos os eidos. Neste contexto, A Mesa pola Normalización Lingüística promove a campaña “Os nosos lugares, na nosa lingua”, a resultas da cal a propia aplicación Google Maps adoptou por fin —con algún fallo— a toponimia galega.

4

A REVOLTA DE MULLERES NA IGREXA vén de criticar con dureza o machismo do Presidente da Conferencia Episcopal, Luis Argüello, quen xustificou a actuación do alcalde de Vita (Ávila) nas festas locais, afirmando que tivo lugar “a altas horas da mañá e despois de ter bebido”. O alcalde subiu ao escenario e entoou unha letra que a Revolta considera apoloxía da pederastia infantil. A agrupación recrimina a falta de resposta da Igrexa, e pide a rectificación ou a dimisión do bispo.

Log A REVOLTA DE MULLERES NA IGREXA

5

Portada do libro cantos de dor e liberdade
Tempo Galiza Editora publicou CANTOS DE DOR E LIBERDADE: VOCES GALEGAS POR PALESTINA, obra na que varias autoras, artistas e autores do país expresan a súa raiba e a súa dor polo xenocidio que Israel está a cometer co pobo palestino. A obra nace da colaboración solidaria entre varias entidades, e os dereitos de autoría así como os beneficios que xere a súa venda destinaranse á UNRWA para prestar axuda humanitaria á poboación de Gaza.

6

O único musgo coñecido na península Ibérica capaz de reflectir luz de cor esmeralda na escuridade chámase Schistostega pennata. Atópase en moi poucos lugares, entre eles na parroquia rural de Beade, en Vigo. O musgo está nunha mina de auga de cando menos 200 anos de antigüidade, e por riba del pendura a ameaza do trazado dun vial previsto no plan urbanístico do Concello. A loita na súa contra do colectivo AVIBE e a súa defensa da contorna recóllese no documental SCHISTOSTEGA, que se financiou a través dun crowdfunding.

Imaxe: goteo.org
Persoa protestando polo vial de Beade - Vigo

7

o crego LEOPOLDO DURÁN e o escritor GRAHAM GREENE
Arraianos Producións vai rodar un documental sobre a relación entre o crego LEOPOLDO DURÁN e o escritor GRAHAM GREENE. A tese de Durán sobre a figura dos sacerdotes nas obras do escritor británico levouno a concertar con el unha cita en Londres que derivou nunha amizade que durou toda a súa vida. Xuntos realizaron quince viaxes pola península Ibérica, ao longo das cales Greene chegou a coñecer ben Galicia, sobre todo Beade, onde o escritor teimaba en acudir para proveerse de viño.

8

O Barómetro da SOIDADE NON DESEXADA 2024 revela que en Galicia viven soas máis de 200.000 persoas. Aproximadamente un 20% delas teñen máis de 55 anos e, sorprendentemente, esa porcentaxe supérana as mozas e mozos de entre 18 e 34 anos, xa que 1 de cada 3 vive en situación de soidade non desexada. Ademais, afecta en maior medida a persoas que viven en cidades de máis de 50.000 habitantes que no rural, e está relacionada en moitos casos coa presenza doutros problemas socioeconómicos e de saúde mental.

Persoa maior camiñando