1

O primeiro BANCO DE SONS TRADICIONAIS GALEGOS xa está á disposición do público de balde e en aberto. Trátase dunha serie de gravacións que os produtores musicais Alberto Cernadas e Adrián Blanco fixeron con Xabier Díaz, nas que se recollen os patróns básicos da pandeireta, coa idea de elaborar en diante máis paquetes de sons con outros instrumentos. O obxectivo é facilitar a creación musical a quen desexe incorporar sons tradicionais en novas composicións.

Pódese atopar en: Lindisfarne.site

2

As secas terán un custo de 2.100 millóns en Galicia até 2029

As consecuencias das situacións meteorolóxicas extremas, e en particular as secas, teñen un elevado custo económico. No caso de Galicia, un estudo estima que até 2029 ascenderá a 2.100 millóns de euros, e iso sen ter en conta os incendios que arrasaron o país en agosto. Os fenómenos extremos non só reducen a produtividade, senón que afectan o solo e danan infraestruturas. Iso si: custa moito máis non facer nada cá adoptar medidas para frear o cambio climático.

Imaxe: iagua.es
Mozo cun can nun pantano

3

Bordado
As arpilleiristas: a memoria bordada da ditadura de Pinochet

A ditadura de Pinochet, en Chile, documentouse tamén a través de teas que varias mulleres, as arpilleiristas, bordaban para deixar constancia do que non se lles permitía falar: a fame, os desaloxamentos, o medo, as persoas que non volvían… Varias desas pezas saíron ao exterior do país a través de entidades colaboradoras e dan fe da realidade daqueles días do mellor xeito que unha comunidade de mulleres atopou para contalo.

4

GCiencia lanza a serie «Raíñas de Galicia»

O xornal dixital GCiencia ofrece desde o mes de setembro unha serie de 15 capítulos que leva por título Raíñas de Galicia. A través dun formato multimedia (texto escrito, podcast e vídeo) e das distintas plataformas nas que GCiencia está presente en internet, recóllese a biografía e as circunstancias sociais que rodearon a vida de mulleres medievais galegas ocultadas ou falseadas no relato oficial.

Ilustración Raíñas de Galicia

5

Cartel Mercado de Produtos da Horta e Artesanía do Concello de Ames
Novo mercado de produtos da horta e artesanía en Ames

O Concello de Ames impulsa o comercio local e de proximidade a través dun novo Mercado de Produtos da Horta e Artesanía que comezou a funcionar en setembro. Sítuase na Praza da Maía, en Bertamiráns, e conta con postos de froitas, hortalizas, conservas, ovos, doces, pan, cogomelos, artesanía ou flores. O mercado pretende fomentar o consumo local e dinamizar a produción da zona. Celébrase os sábados pola mañá e, pola tarde, terá continuidade co tradicional mercado de rúa.

6

A Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística lembra a dignidade do galego

Na parroquia de Cerponzóns, en Pontevedra, a Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística de Galicia (AFNLEG) celebrou un acto de reivindicación da dignidade da lingua galega. No seu curso, no que se procurou prestixiar o uso do galego na sociedade, especialmente no eido familiar e litúrxico, lembráronse persoas e entidades da Igrexa destacadas pola súa defensa do galego, como Encrucillada, Irimia, a Escola de Espiritualidade e a Romaxe de Crentes Galegos.

Lapida

7

colmeas
Medio Rural cede parcelas do Banco de Terras a apicultores afectados polos lumes. Os lumes de agosto levaron moito por diante e, entre outras cousas, devastaron colmeas que apicultores, sobre todo de Ourense, tiñan en zonas hoxe arrasadas polas lapas. Como medida de apoio, a Consellería do Medio Rural permite ás persoas afectadas acceder de xeito gratuíto a parcelas do Banco de Terras, procurando así asegurar a alimentación das abellas e a continuidade da produción. As solicitudes tramítanse a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

8

Condenada a activista marroquí Ibtissam (Betty) Lachgar

A activista marroquí Ibtissam (Betty) Lachgar foi condenada a dous anos e medio de prisión e ao pago dunha multa por aparecer en redes sociais nunha fotografía na que portaba unha camiseta onde se lía: “Alá é lesbiana”. Lachgar defendeu que non buscaba ofender a relixión e afirmou que a súa acción se enmarca no activismo do movemento feminista internacional e na súa oposición á ideoloxía machista e patriarcal.

Imaxe: rtve.es
Ibtissam (Betty) Lachgar