1

Coñecer as pequenas historias que fan Historia, ese é o obxectivo de iniciativas como o VI Premio de Investigación “XERMADE NA HISTORIA” que convoca o concello, a Asociación de Veciños de Cabreiros e a Facultade Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os traballos deben estar relacionados co patrimonio etnográfico e cultural do concello e seren presentados antes do 15 de febreiro de 2020.

2

O aumento no consumo e a crise comercial con EE.UU está a disparar a demanda chinesa de produtos LÁCTEOS. Unha boa noticia para a Unión Europea, que busca consolidarse como a principal potencia exportadora, e tamén para Galicia. Buscando abrir mercado, 13 empresas agroalimentarias galegas participaron a finais do ano pasado na I Feira Internacional de Importación de China, entre elas a queixería Galmesano e Feiraco, que leva xa algúns anos vendendo os seus produtos no xigante asiático.

3

A Fundación Terra e Tempo está a producir a longametraxe Reboiras: Acción e corazón, que pretende ser un retrato fiel da vida de MONCHO REBOIRAS desde a vertente humana e política. O filme finánciase mediante unha campaña de mecenado coa que agardan xuntar os 20 000 € necesarios para sacar adiante o proxecto. Quen desexe colaborar ten toda a información en www.reboiras.gal.

4

Os días 6 e 7 de setembro, nas terras de Palas de Rei, o SON D’ALDEA chega á súa oitava edición. Entre as moitas actividades, o 6 haberá unha mesa redonda sobre as persoas maiores no medio rural, na que participarán Mª Carmen Morán e Raquel Vázquez (da USC) e Alberto Saco (Universidade de Vigo). O 7 será o roteiro teatral Os ollos da experiencia, oito escenas e oito transicións coas que queren que resoen as voces da aldea de antano. Pódese consultar toda a información en www.sondaldea.es.

5

Sobre o caso de PILI DE ABELEDO (Abadín) hai boas novas. Pili, xubilada, con dispacacidade severa, que non pode entrar e saír da casa na súa cadeira de rodas por un desnivel creado polo asfaltado municipal, acaba de ser informada polo concello do proxecto para darlle accesibilidade. Tras sete anos de loita e sufrimento, unha campaña en Change.org, unha denuncia do SLG no Consello Galego de Servizos Sociais, presenza nos medios, mocións nos parlamentos galego e europeo… Irá desta?

6

Remata o verán e o OUTONO entra cheo de propostas interesantes, que van desde o sendeirismo ata a poesía. Se optamos polo primeiro, podemos descubrir, o 28 de setembro, a Ruta da Fervenza das Hortas, unha andaina de 14 quilómetros polas terras de Arzúa (información no 676 172 978). Se optamos polo segundo, estamos convidados/as ao VI Festival Internacional de Poesía de Allariz, que vai ter lugar os días 11, 12 e 13 de outubro na vila ourensá.

7

O neoliberalismo avanza en BRASIL da man do seu presidente, o ultraconservador Bolsonaro, que vén de anunciar a privatización de 9 empresas estatais. Entre elas está Correios, un xigante con presenza en 5 500 municipios, e Codesp, que xestiona o porto de Santos, o meirande do país. No horizonte están tamén Petrobrás e Electobrás. Son, en palabras do ministro de economía, Paulo Nunes, “inferencias razonables” nun Estado cada vez máis esquelético.

8

A facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo acollerá o 18 e 19 de setembro as xornadas “A outra cara do MONTE: aproveitamentos alternativos”. Dous días de traballo e reflexión co obxectivo de afondar, da man de investigadores, comuneiros, administración e cooperativas, nas posibilidades do sector forestal do monte galego e as súas diversas opcións de explotación e aproveitamento. Podedes atopar toda a información en www.aoutracaradomonte.es