1

O CARRABOUXO

O CARRABOUXO vive abafado desde hai tempo entre terrazas e mesas que o teñen sitiado e algúns ataques por parte de persoas de valentía dubidosa recibidos nos últimos anos. Segundo o seu creador, Xosé Lois González, “é unha estatua mártir, pero tamén o son os cidadáns que non teñen acceso a ela”. O concello de Ourense, coñecedor da situación, anuncia sancións fronte aos incumprimentos dos requerimentos feitos aos establecementos para que respecten a distancia coa súa figura.

2

MATERFEM (Maternidades Feministas Galegas) é unha asociación de mulleres nais que traballa en distintos proxectos que visibilizan as violencias cotiás contra a maternidade e tentan facilitar a crianza e promover o debate sobre a maternidade e os coidados na sociedade. O seu traballo “Maternar en tempo de coronavirus” evidenciou a precariedade da conciliación e de como as nosas vivendas, as cidades e o urbanismo dificultan a vida diaria. De aquí xurdiu o proxecto “A cidade coidadora”.

MATERFEM

3

NO BALEIRO DUNHA SOIDADE

No pasado Festival de Pardiñas presentouse NO BALEIRO DUNHA SOIDADE, obra de Baldomero Iglesias Dobarrio dirixida a rapaces e que tamén está a ter éxito entre as persoas adultas. O libro, que inaugura a colección Chuchamel, editada pola Asociación Xermolos, conta a peregrinaxe de Runi e o robot Orieca desde Ribadeo a Compostela, recreando cos seus diálogos o percorrido físico e social dos dous protagonistas.

4

Outra publicación deste ano 2020 é o libro IRMANDIÑAS (Editorial Laiovento), de Aurora Marco, quen compilou as actividades de deceas de mulleres vencelladas ás Irmandades da Fala que foron silenciadas. Elas promoveron varias iniciativas de relevancia ata agora non divulgadas, nas que foron fundamentais, como coros e cadros de declamación, agrupacións dramáticas, no Seminario de Estudos Galegos e na actividade social, política, cultural, intelectual e a defensa da lingua.

IRMANDIÑAS

5

CHRISTINA MOREIRA

CHRISTINA MOREIRA e outras seis teólogas presentaron na Nunciatura en Francia a súa candidatura a diversos ministerios ordenados xunto cun manifesto de denuncia da invisibilidade das mulleres na Igrexa Católica. Nel afirman que esta discriminación inxusta é unha das máis visibles e violentas. Solicitan o acceso das mulleres aos diversos ministerios e aos lugares de responsabilidade da Igrexa e afirman que os obstáculos existentes non son teolóxicos nin espirituais, senón políticos e culturais.

6

Dúas PROPOSTAS MUSICAIS deste ano ás que se pode acceder a través de internet e as redes son o videoclip “Muinheira de interior” de Boyanka Kostova, onde mesturan muiñeira e trap dentro do seu traballo “Os dous de sempre” e, noutro rexistro moi diferente, o videoclip “Fórmula”, do trío Peña, este repousado e elaborado con imaxes dos teléfonos de persoas achegadas que canta ao amor ás persoas, aos animais ou ao que cadaquén ame.

PROPOSTAS MUSICAIS

7

APATRIGAL

APATRIGAL (Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego) creouse en 2016 para a defensa do noso patrimonio cultural. Procura concienciar as autoridades e a cidadanía na obriga de manter, conservar e mellorar a herdanza recibida e na súa transmisión nas mellores condicións as xeracións futuras. Estuda o territorio (arquitectura, urbanismo), a historia da arte galega (arqueoloxía e etnografía) e o patrimonio inmaterial. Publican artigos con moita frecuencia nas redes sociais.

8

ALCOA non pechou e as negociacións permitiron que se estea a traballar nun acordo de venda ao grupo Liberty House nun proceso que se desenvolverá en tres fases, en principio ata o 27 de setembro. A Xunta e os sindicatos apoian o proceso e mentres dura o diálogo, as cubas de San Cibrao (empresa que supón ⅓ do PIB da provincia de Lugo) seguen funcionando.

ALCOA