1
O profesor e estudante A.K. publicou o libro AFGANISTÁN: una república del silencio. Recuerdos de un estudiante afgano (Ed. Akal), no que relata, a través da súa propia historia persoal, a situación pasada e actual do país. No texto rompe co mutismo ao que os hazaras foron condenados e denuncia a opresión desta minoría, facendo unha crítica honesta á corrupción, ao fanatismo e á pobreza.
2
O vindeiro 22 de outubro, sábado, terá lugar no salón de actos do colexio da Compañía de María de Santiago o foro 2022 de MÚSICA RELIXIOSA GALEGA baixo a organización de Encrucillada. Entre as 10.00 e as 19.00 horas desenvolveranse un relatorio e unha táboa redonda e xa á tarde haberá un festival para pechar a xornada.
3
Este verán presentouse no Instituto Teolóxico Compostelán a CUARTA EDICIÓN DA BIBLIA EN GALEGO. A editorial SEPT publicou esta última versión adaptada ás normas da RAG trinta e tres anos despois do primeiro texto, no que a Biblia fora traducida directamente dos idiomas orixinais (hebreo, arameo e grego). Con tal motivo, a Biblia en galego recibiu en 1990 o Premio Nacional de Tradución. A súa elaboración fora posible grazas ao traballo de balde e ás aportacións de moitas persoas colaboradoras.
4
Na parroquia de San Martiño de Pino, do concello chairego de Cospeito, quedan en pé os restos do símbolo da resistencia da nobreza galega fronte ao poder centralizador dos Reis Católicos: o castelo (ou torre) de CALDALOBA. Malia a súa declaración como BIC en 1994, non estaba ben conservada e dende este pasado mes de agosto a metade da fortaleza é propiedade da Deputación de Lugo. Aos poucos, o propio concello anunciou o inicio do expediente de expropiación do resto da propiedade.
5
Tras 20 meses de percorrido xudicial, o diario dixital Praza.gal conseguiu que a Xunta publicase os datos oficiais das PERSOAS FALECIDAS POR COVID NAS RESIDENCIAS no inicio da pandemia. Eses datos non foron facilitados ao propio Parlamento de Galicia pola negativa reiterada do goberno e da Xunta, malia o seu interese xeral recoñecido polo propio TSXG, e revelan que o 53 % dos falecementos acaecidos nos primeiros 9 meses da pandemia foron en centros DomusVi ou da Fundación San Rosendo.
6
GUSTAVO PETRO foi investido Presidente de Colombia e colócase, xunto coa vicepresidenta FRANCIA MÁRQUEZ, á fronte dun novo goberno no país. Reivindicando o diálogo como método, pretenden reactivar decididamente o acordo de paz coas FARC dentro dun programa de goberno que inclúe tamén medidas de xustiza social, a defensa do medio ambiente e da transición enerxética ou a reforma fiscal e agraria nun país onde o 10 % da poboación detén o 70 % da riqueza.
7
Mentres a Xunta de Galicia anuncia a apertura de 130 aulas máis de Educación Infantil e de Educación Primaria para o vindeiro curso escolar 2022/23, dende as formacións sindicais denúnciase, pola contra, o peche de 59 unidades e, como consecuencia, a falta de 100 docentes neses niveis educativos. O certo é que dos 137.000 nenos e nenas que había nas aulas galegas de infantil e primaria no ano 2019, no próximo curso haberá 9184 menos, acompañando a tendencia á baixa no número de nacementos no país nos últimos anos.
8
A asociación ecoloxista ADEGA analizou as CAUSAS DA SECA en Galicia e identificou entre un dos posibles factores a proliferación de eucaliptais no país. Co fin de valorar esa incidencia, ADEGA dirixiuse á entidade Augas de Galicia e á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, partindo de estudos que afirman que estas árbores consomen entre 20 e 30 litros de auga ao día (a superficie eucaliptizada en Galicia é de 500 000 hectáreas).