1

logo circulo do silencio

Os CÍRCULOS DO SILENCIO son un movemento non violento de solidariedade coas persoas migrantes, que denuncia a vulneración dos dereitos das persoas migrantes e refuxiadas. Está aberto á participación de persoas de xeito individual e tamén a entidades afíns a esta causa. Apareceron en Touluse a finais do ano 2007, dende onde se estenderon por diversas cidades europeas. En Galicia reúnense en Santiago, na Coruña (todos os primeiros xoves de mes, ás 20.00 h, na praza de Pontevedra), en Pontevedra e en Vigo.

2

Este verán rebordaron os festivais por todos os recunchos do país. Entre os moitos deles, celebrouse o FESTIVAL 27373 de Begonte, organizado pola Asociación Castiñeiro Milenario, que vai xa pola 11.ª edición. Á beira do río, en pequeno formato, con música galega diversa, sesión vermú, aberto de billarda e campionato de cimbrón. Local, participado e dimensionado.

FESTIVAL 27373

3

Imaxen partida billarda

Falando de BILLARDA…, este xogo popular, considerado oficialmente como deporte, vai gañando sona e participantes. A forma de xogar varía segundo a zona xeográfica, mais a Liga Nacional de Billarda (LNB) unificou as normas relativas ao desenvolvemento do xogo, a formación dos equipos ou a puntuación. Orixinaria da Idade Media, a estornela ou billarda consiste en darlle cun pao (varal, panca, palán…) a outro máis pequeno (billarda ou estornela), elevalo no aire e guindalo canto máis lonxe sexa posible.

4

A cambadesa PAULIÑA ten publicados xa tres álbums: De-Xeneración, A Malfalada e Testemuñas, varios singles e EP e diversas colaboracións con outras bandas e músicas. Mesmo debutou no cinema en O home e o can. A súa música, mestura de distintos ritmos (rock, blues, folk e country) percorre Galicia (e outros lugares fóra dela) cunhas actuacións en directo que zumegan forza e vitalidade.

Pauliña

5

Logo apatrigal

APATRIGAL é a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego. Naceu no ano 2016, co fin de defender o patrimonio galego, concienciar as autoridades e a cidadanía na obriga de manter, conservar e mellorar a herdanza recibida e transmitírllela nas mellores condicións ás xeracións futuras. Ten tres áreas de traballo: Formas do territorio, Historia da arte galega e Patrimonio inmaterial. Ten moita presenza nas redes sociais.

6

LOGALIZA (logaliza.estreleira.gal) é un xogo en liña que promove o coñecemento das comarcas galegas. En cada xogo, aparece un lugar que é preciso localizar na comarca á que pertence, con catro posibles tentativas, que nos van guiando sobre o lonxe ou preto que imos da que é a resposta axeitada. Outros xogos en liña interesantes son o WORDLE-GALEGO e o PENSATERMOS, cos que temos que compor palabras.

páxina logaliza

7

ANTONIO REY SOTO

ANTONIO REY SOTO foi un influencer adiantado ao seu tempo e o autor da primeira longametraxe documental galega: Un viaje a través de Galicia y Asturias. Crego, poeta, cineasta e amigo de certos praceres, dedicou cinco horas de metraxe á vida galega e asturiana, que despois amosou por distintos países de América. A súa historia, que inclúe a compilación de 30 000 libros galegos do século XVII ao XIX, a súa amizade con Castelao e moitas peripecias, foi recollida por Manolo González nunha obra da editorial Alvarellos (O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto).

8

Ata o vindeiro 30 de setembro poderase visitar no Vello Cárcere de Lugo a exposición “A intimidade da imaxe. Galicia 1975-1979”, de ANNA TURBAU, unha das fotógrafas máis relevantes da actualidade. En cen fotografías, Turbau percorre a transición en Galicia a través de distintos personaxes e dos sucesos máis destacados deses anos (construción da AP-9, manifestacións do naval). As súas fotografías poden consultarse no Consello da Cultura Galega.

Exposición - A intimidade da imaxe. Galicia 1975-1979, de ANNA TURBAU