1

Esculturas BEGUINAS
As BEGUINAS eran mulleres integrantes dun movemento iniciado en Flandes no medievo, que levaban unha vida parcialmente relixiosa. Tiñan total independencia do poder masculino (familiar e eclesiástico). Vivían en comunidade e dedicaban os seus días a axudar ás persoas enfermas e sen recursos e á súa propia formación. Laicas, devotas, sen votos nin xerarquías, non escaparon da persecución. Aroa Chao revive a súa existencia no proxecto Beguin the beguine (www.sirocomag.com).
Imaxe: wikimedia

Imaxe: wikimedia

2

Demotanasia é o proceso polo que certas accións ou omisións políticas levan á desaparición da poboación dun territorio. ADRA PALLÓN, fotógrafo, testemuña ese camiño nun proxecto no que dende 2018 e ao longo de 5 anos compilou imaxes sobre a despoboación das aldeas galegas. Esa viaxe rematou na publicación de 70 delas en “Lumes”, obra que presentou este mesmo ano. Para abrazar a grandeza deste proxecto, é moi interesante ver a peza documental de Sonda Internacional na súa páxina web.

Fotografía ADRA PALLÓN

3

reunión veciñanza

NOEMÍ VÁZQUEZ NOGUEIRAS tiña ilusión por ofrecer na súa terra, en Vilar de Santos (A Limia), un espazo para acoller exposicións, festivais, concertos e obradoiros: en definitiva, música, arte e cultura para compartir coa veciñanza. E dende que o abriu hai 10 anos ata o día de hoxe, na Arca da Noe xa se celebraron máis de 300 concertos e moitas actividades, nun local que recibiu en 3 ocasións o premio Martin Codax á mellor sala de concertos e que conta tamén con biblioteca, café e zona de estar.

4

Ben sabiamos que a diminución do contacto co medio natural ten efectos negativos sobre a vida das persoas. Houbo quen lle puxo nome aos trastornos ocasionados por esa ausencia (Trastorno por déficit de Natureza), mais está acreditado que deixar de relacionarse con ela é un factor de risco para moitas enfermidades físicas e mentais, como falta de concentración, ansiedade, estrés, obesidade, asma, hiperactividade ou falta de vitamina D, entre outras.

bosque

5

cola emigrantes
Segundo un estudio da Fundación Iseak realizado en España, a cidadanía ten unha percepción errónea do feito da INMIGRACIÓN. Así, fronte aos datos reais, a poboación tende a sobreestimar a súa dimensión (pensan que é un 27,8% da poboación total, lonxe do 16% real), e subestimar as súas características socioeconómicas (creer que a poboación migrante desempregada é o dobre da que realmente é, ou pensar que reciben catro veces máis asistencia social que a percibida). Informe en: https://iseak.eu/

6

As LETRAS GALEGAS homenaxearán en 2025 a creación colectiva e a transmisión do saber das cantareiras, que foi de colo en colo ata chegar aos nosos días. Dende as Pandeireteiras de Mens a Mercedes Peón ou as Tanxugueiras, pasando por toda canta agrupación de música tradicional agromou no país, a Real Academia Galega refrendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria.

foto Pandeireteira

7

Ilustración loita amada

Nébeda Piñeiro e Jasper guían un novo proxecto musical, LOITA AMADA, que están a amosar xa por toda Galicia. Defíneno como unha nova poesía galega na que mesturan a combatividade e sensibilidade, tentando levar unha música que nace na canción protesta galega a novos espazos e sonoridades. A través da muiñeira, do vals, da xota ou do rock expresan no seu primeiro album, Loita Amada Revolucionaria! esa dualidade de amor e loita, cantando á rebeldía e á esperanza.

8

Mª ÁNXELES ALVARIÑO GONZÁLEZ naceu en Serantes en 1916. Gustaba xa dende nena da historia natural, e acabou por licenciarse en Ciencias tras o paréntese da Guerra civil. Despois de varios anos como profesora de instituto, conseguiu unha praza de bióloga oceanógrafa en Vigo e comezou o estudo do zooplancto. A súa carreira continuou en Inglaterra e nos EEUU, chegando a describir 22 novas especies zooplanctónicas. Na súa memoria, un buque científico español leva o seu nome.

Mª ÁNXELES ALVARIÑO GONZÁLEZ