1

A Fundación LEGAR, da man de Xavier Blanco, pon en marcha en cinco centros de día de Pontevedra o proxecto MEMORIA SONORA. A través da música de raíz, quérese chegar a persoas maiores con certo grao de deterioro cognitivo ou en situación de vulnerabilidade, para mellorar a súa saúde e benestar e, ao tempo, difundir e preservar a música popular galega. Ao longo das catro sesións en cada centro, trabállanse a memoria, a motricidade e a interacción social a través da música.

2

As miles de cabezas de gando porcino que explotan as macrogranxas da Limia levaron ao xulgado á Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A sentenza do TSXG acreditou a contaminación do Encoro das Conchas, decretando a vulneración dos dereitos fundamentais da veciñanza a un medio ambiente saudable polos residuos das macrogranxas. O tribunal asegura que se permitiu un crecemento excesivo destas instalacións, que se xestionaron ineficazmente os residuos e que se saturou o medio.

Encoro das Conchas

3

foto do arquivo dixital do proxecto TERRA E MEMORIA
Da man do Departamento de Historia da USC, nace o proxecto TERRA E MEMORIA, un arquivo dixital que pon ao dispor do público xeral e da comunidade universitaria un fondo oral e documental con miles de entrevistas, imaxes e publicacións periódicas arredor de tres áreas do século XX: historia social, migracións e vítimas da guerra e da represión franquista. Esta mirada sobre o noso pasado máis próximo pódese consultar en terraememoria.usc.gal

4

Anos de abandono das políticas sociais e de inclusión por parte do Concello e da Xunta, con persoas sen fogar, problemas de drogodependencias e de saúde mental; a falta de vivenda, a revalorización urbanística, a xentrificación e outras causas están na base do conflito que comeza a bater con máis forza en Ourense. Diante da aparición de patrullas de violentos de ultradereita, varios colectivos sociais organízanse dende o Espazo Veciñal Ourense (EvOu) para lles facer fronte desde a comunidade.

Espazo Veciñal Ourense

5

cartel recoñecemento Felipe Arias Vilas da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde

Felipe Arias Vilas, colaborador de Irimia, recibiu no mes de xullo o recoñecemento da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde pola súa dedicación á defensa e posta en valor do patrimonio natural e cultural galego, en particular o do propio concello. Diversos compañeiros e compañeiras, ao longo da súa traxectoria tanto investigadora como á fronte das entidades que dirixiu (Museo de Lugo, Castro de Viladonga ou o Museo do Pobo Galego), reivindicaron o seu comprometido labor.

6

En Labrada, Abadín, vive Mónica Requeijo, gandeira nova que asumiu a xestión da explotación familiar. As dificultades que atopou para localizar profesionais no rural que realizasen certas tarefas (levantar peches, facer reformas na casa, etc.) levárona a poñer en marcha VACANTES.GAL, unha páxina web para poñer en contacto —como ela di— “persoas que precisamos axuda e persoas que buscan unha oportunidade para vivir e traballar en Galicia”, artellándoa como un espazo para tecer rede social.

Ilustración vacas

7

libro diversas receitas elaboradas nas casas limiás- sabores e saberes
Despois de 1.400 km percorridos polas cociñas da Limia, un proxecto colectivo liderado por varias mulleres (Lourdes Sotelo, Lourdes Augusto, Xiana Carballo, Elena Jardón e Guadalupe Bardón) recolle nun libro diversas receitas elaboradas nas casas limiás. En SABERES E SABORES homenaxéase as mulleres que nos alimentaron durante xeracións con coidado e agarimo, facendo posible unha alimentación sá, saborosa e con identidade, e poñendo en valor a historia que latexa na nosa cultura alimentaria.

8

Alana Trío é un exemplo máis da riqueza da música de noso que se mestura con sonoridades máis actuais, como o pop ou a electrónica, partindo das recollidas tradicionais. O xeito á cántigha foi o seu primeiro disco, que toma o nome da explicación que Delfina de Cerceda lle daba á musicóloga Dorothé Schubarth de como lle dar “o xeito á cántigha” nas melodías das muiñeiras e das xotas. Alana son Antía Vázquez (voz e pandeireta), Eloi Vidal (teclado, guitarra e voz) e Pablo Castro (percusión e gaita).

Alana Trío