1
De xuño a setembro, cada segundo sábado do mes, temos unha cita na Coruña cos SÁBADOS BÍBLICOS. Lectura e valoración dos textos sagrados ao abeiro de Xoán Carlos Rodríguez Herranz, que acompaña o grupo e achega os diferentes estudos e interpretacións que se levan feito sobre o libro ou fragmento elixido. Quen teña interese en participar nestas “clases” abertas pode contactar con Anuncio Moroño no 645248749 ou en anuncio.moronho@mundo-r.com.
2
Xa se sente nas dependencias de San Caetano o nervio. 2019 é ANO ELECTORAL e tocan municipais e autonómicas en maio. Os gabinetes aceléranse montando axendas para que as altas e altos cargos visiten e inauguren todo o imaxinable. Poñen a Administración ao servizo do partido. O nerviosismo electoral varre co sentidiño e a elegancia.
3
O 17 de xaneiro inaugurouse no Vello Cárcere de Lugo unha exposición sobre a vida de FRANCESC BOIX, o fotógrafo de Mauthausen. Moitas das imaxes tomadas por el foron utilizadas como probas nos Xuízos de Nuremberg que determinaron e sancionaron as responsabilidades do nazismo. Unha visita necesaria, que serve memoria aos preto de 200 galegos deportados a campos de concentración nazis.
4
As parroquias non esquecen os curas que se entregaron a elas e fixeron comunidade. O 19 a veciñanza de Cesuras homenaxeou a DOMINGO MARTÍNEZ BEIRO, Gino, como recoñecemento ao seu incansable traballo a prol do país durante décadas de compromiso. O mesmo día, en Aguiño, facíase recordo do seu párroco, Fracisco Lorenzo, Paco, no 14 aniversario do seu pasamento.
5
A pobreza segue a medrar en LATINOAMÉRICA: 1 de cada 10 persoas vive na extrema necesidade, segundo os datos da Cepal. A cifra aumentou nun millón no último ano, situándose en 63, 5 máis que no 2002. Aínda que houbo melloras na desigualdade de ingresos e no gasto social, o 40% dos traballadores/as cobran un salario por debaixo do mínimo legal, cando o traballo é a mellor ferramenta para reducir a miseria.
6
O CINEMA en Galicia debe recibir parabéns. Vén de abrirse en Lugo o Codex Cinema, a semellanza da experiencia de Numax en Santiago de Compostela ou Cine Norte de Vigo. A súa carteleira está composta por películas de autor, cintas de altísima calidade e escasa distribución en Galicia. E dentro desta carteleira inclúe, ademais, filmes de cine galego, como Trote, que contou coa presentación do seu director Xacio Baño.
7
A finais de decembro, 16 anos despois do accidente, o Tribunal Supremo fixou en 1500 millóns as indemnizacións pola catástrofe do PRESTIGE. Mentres, cada día pasan fronte ás costas galegas unha media de 35 buques cargados con mercadorías perigosas, na súa maioría hidrocarburos. Aínda que despois do accidente se reforzaron as medidas de seguridade, non está mal lembrar que dos 13 accidentes con maiores vertidos da historia de España, oito foron nas nosas costas.
8
O 9 de febreiro xuntarémonos no paseo dos Soños de Vilalba para facerllle unha sentida homenaxe a ALFONSO BLANCO TORRADO, fundador de Irimia e Xermolos e impulsor da Irmandade Manuel María. Instalarase unha obra do escultor Xosé Val Díaz, Valdi, ás beiras do Río Madalena. Na foto, un monolito do mesmo autor colocado este verán en Santa Mariña de Lagostelle (Guitiriz) nunha homenaxe similar.