1
A violencia contra a infancia xera preocupación en ANGOLA, ata o punto de que o goberno vén de anunciar un programa nacional para atender as denuncias. No que vai de ano tense coñecemento de máis de 5 000 casos de malos tratos a menores. Abandono paterno, explotación do traballo infantil, violencia física e psicolóxica e abusos sexuais, aos que tratarán de poñer remedio abrindo un servizo de denuncias e municipalizando a atención.
2
O fenómeno FARIÑA segue medrando e chega agora ao teatro e á novela gráfica. A obra, dirixida por Tito Asorey e con Xosé A. Touriñan no seu reparto, estreouse a comezos de novembro na Coruña e percorreu nos últimos dous meses as principais cidades de Galicia. Quen desexe vela, pode aínda facelo neste mes de xaneiro en Ourense, Vilagarcía e Cangas. Pola súa parte, a novela gráfica sae do lapis do debuxante Luis Bustos e vén de ser editada en galego por Xerais.
3
En Vigo non son todo luces. A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais vén de sinalar as sombras dos servizos sociais e de revelar que o gasto é de 47,8 €/habitante, o menor entre as grandes cidades de España. Para colmo, a OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS DE COIA denuncia que a meirande parte dese orzamento acaba nas mans de empresas privadas, como CLECE, que leva 8 dos 19 millóns presupostados polo concello e que ofrecen uns servizos cheos de incumprimentos e baseados na explotación laboral.
4
Coa morte de CAMILO DE DIOS déixanos o último guerrilleiro galego. Nacido en 1933, era enlace con 13 anos e guerrilleiro con 15. Foi condenado a morte, pena que lle conmutaron por 30 anos de cárcere pola súa escasa idade. Activista incansable o resto da súa vida, tivo que agardar ata 2014 para ver cumprido o sono de exhumar os restos do seu irmán Perfecto, grazas á Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica e a achega de 6 000 euros dun sindicato noruego. Quen o desexe, pode achegarse á súa figura vendo o documental Camilo: o último guerrilleiro de Galicia.
5
A web MALDITA.es acaba de cumprir o seu segundo aniversario. Dous anos de xornalismo centrado no desmentido de novas falsas, “loitando xuntos -como din eles mesmos- para que non nola coen”. Monitorizar o discurso político, promover a transparencia ou verificar e loitar contra a desinformación son algúns dos obxectivos desta asociación que leva realizado neste tempo preto de 1 000 desmentidos e máis de 500 peticións de información a través da Ley de transparencia.
6
A Unión Europea aprobou a mediados de decembro a Indicación Xeográfica Protexida para o PAN GALEGO, acadándose así unha vella aspiración dos panadeiros do noso país. Para poder acollerse a esta indicación, deberase elaborar de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte –cando menos un 25% do total– debe proceder de trigos cultivados en Galicia, pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos. O recoñecemento supón unha oportunidade para protexer e pór en valor un produto típico da gastronomía galega.
7
NICANOR ACOSTA recibirá o premio “Marcelino Liste, Xustiza e Liberdade 2019”. O xurado tivo en conta a súa traxectoria exemplar en defensa dos máis débiles e a súa constancia na loita polas causas xustas. Detido por enfrontarse á ditadura franquista, leva toda unha vida na primeira liña da actividade social en movementos como Stop Desafiuzamentos, Foro Galego de Inmigración, Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica ou 15M. O premio será entregado o 13 de xuño no Club do Mar San Amaro. Para máis información: 698 165 122.
8
A Casa das mulleres Xoana Torres de Santiago de Compostela acollerá de xaneiro a maio (os terceiros venres, de 18.30 a 21.00 h) o VIII Espazo de TEOLOXÍA FEMINISTA, organizado pola asociación Mulleres Cristiás Galegas-Exeria. Un tempo para aprender e coñecer e construír colectivamente pensamento teolóxico feminista. Compre anotarse antes do 10 de xaneiro. Para máis información: elvirasantos@mundo-r.com ou no teléfono 606 730 206.