1

EUCALIPTO

A expansión do EUCALIPTO parece imparable. A especie, cualificada como “exótica e invasora” polo Comité Científico do Ministerio de Transición Ecolóxica, supón hoxe o 60 % da madeira que se produce en Galicia e acaba de atopar un novo aliado en Inditex que, apoiada pola Xunta, prevé poñer en marcha unha fábrica de roupa “sostible” a partir da pasta de celulosa. Mentres outras alternativas como o aproveitamento gandeiro, a resinación ou a apicultura ecolóxica quedan reservadas á heroicidade individual.

2

EXERIA contará cunha praza no rueiro de Santiago de Compostela. Así o aprobaron os catro grupos municipais a mediados de decembro. A iniciativa partiu da Asociación de Mulleres Cristiás Galegas que leva o seu nome e con ela preténdese lembrar a que foi a primeira peregrina da que se ten constancia en Hispania. É de lei -din as mulleres da Asociación Exeria- ter un recuncho da cidade dedicado a esta insigne peregrina.

EXERIA

3

VACÚN DE LEITE

O Campus de Lugo da USC conta desde hai un mes cunha nova granxa experimental de VACÚN DE LEITE, situada na Finca Gayoso, en Castro de Rei. As instalacións tratarán de reforzar un sector produtivo esencial e no que Lugo é unha potencia a nivel de todo o Estado. O leite supón para a provincia o 12 % do seu produto interior bruto e o 18 % do emprego.

4

A Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago concedeulle á QUENLLA, polo seu disco TROBADOR NO CAMIÑO, o oitavo Premio Internacional APECSA 2020. Trátase dun traballo de gran beleza, no que se recuperan con música do propio grupo dez cantigas do trobador Martín de Padrozelos, lugar no actual concello de Samos. Estímase, de feito, que se trata do primeiro trobador en lingua galego-portuguesa, segundo se acredita nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa, de acordo coa investigación dos profesores Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández Graña.

QUENLLA

5

PARQUE EÓLICO

O TSXG anula a autorización do PARQUE EÓLICO de Sasdónigas (Mondoñedo), ao detectar unha “fragmentación artificial” do proxecto, unha “práctica fraudulenta” que impediu unha correcta avaliación ambiental. A sentenza confirma, por vía xudicial, as denuncias dos colectivos medio ambientais contra a Xunta por permitir esta práctica e podería ter un efecto inmediato sobre parques planeados na comarca de Ordes e na carreira eólica iniciada polo goberno galego.

6

A xustiza ponse do lado dos traballadores de ALCOA ao declarar nulo o despido colectivo que pretendía aplicar a empresa para os máis de 500 traballadores que ten na planta da Mariña. A sentenza obriga a empresa a manter a súa actividade e o emprego, xa que impide tanto os despidos como o apagado das cubas de electrólise. As diferentes administracións confían en que, ante esta situación, a empresa se aveña á venda voluntaria da fábrica.

ALCOA

7

O CDR O VISO

O CDR O VISO é sempre fonte de boas noticias; a última, a presentación ao Leader dun proxecto denominado “Casas da memoria e a interpretación da paisaxe”, co que pretenden facer unha recuperación patrimonial dalgunhas temáticas que conformaron a vida da xente maior (minas de estaño, emigración…). Para iso iniciaron a recuperación e restauración de tres locais en Lodoselo, co obxecto de poder dedicalos a exposicións vinculadas coas actividades do “pobo escola”.

8

A COMUNIDADE DE VIDA CRISTIANA (CVX), vinculada á espiritualidade ignaciana e que agrupa 1 100 persoas de toda España, vén de facer público o manifesto “Vivindo a unidade na diversidade”, co que amosa o seu apoio ao colectivo LGTB. O documento define como “un don de Deus” que a comunidade católica estea formada por persoas con orientacións sexuais diversas e expón que a discriminación inxusta que sofren estas persoas debe ser unha chamada de atención para a comunidade cristiá.

A COMUNIDADE DE VIDA CRISTIANA